Máis dun cento de concellos solicitaron xa a liña de axudas para a mellora de infraestruturas turísticas

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde de Sobrado, visitaron a pasarela peonil da lagoa de Sobrado na que o Goberno galego vai investir máis de 36.000 euros en obras de rehabilitación.

Ata o 18 de outubro está aberto o prazo para que os concellos de menos de 10.000 habitantes soliciten subvencións para mellora, creación ou rehabilitación de recursos ou infraestruturas turísticas

Sobrado, 29 de setembro de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, destacou a excelente acollida que está a ter a liña de axudas para actuacións de mellora en infraestruturas turísticas en concellos de menos de 10.000 habitantes, que xa rexistrou máis dun cento de solicitudes. Trátase dunha convocatoria de subvención dotada cun orzamento de 3,5M€ que ten coma obxectivo seguir modernizando e dinamizando o sector turístico galego.
Trenor fixo esta valoración durante a visita que fixo esta mañá á pasarela peonil da lagoa de Sobrado, situado aos pes do Mosteiro de Sobrado dos Monxes, e que vai ser obxecto de rehabilitación ao abeiro dun convenio de colaboración coa Xunta de Galicia para a renovación dun dos seus tramos. Acompañada do alcalde de Sobrado, Luis Lisardo Santos, o representante do Goberno autonómico fixo fincapé no apoio que o Goberno galego está despregando para fomentar a recuperación, a accesibilidade e a sinalización dos recursos turísticos destes municipios con menor poboación.
“Buscamos seguir consolidando a oferta turística nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística”, explicou Trenor, quen destacou que esta pasarela é un bo exemplo deste tipo de actuacións que se poderán beneficiar desta liña de axudas.
A través do convenio asinado co concello de Sobrado, a Xunta financiará cun total de 36.300 euros as actuacións nesta infraestrutura que permitirá recuperar un treito de 120 metros cadrados da pasarela peonil que circunda a lagoa, no que se procederá tamén a sinalizar os recursos turísticos cun paneis informativos ademais de mellorar a seguridade deste treito.
Estas actuacións buscan a posta en valor turístico dos recursos, precisamente o mesmo obxectivo da orde de axudas de 3,5 millóns de euros destinadas aos concellos de ata 10.000 veciños que seguen a ter o seu prazo de solicitude aberto ata o vindeiro 18 de outubro.
A través desta liña a Xunta financiará o 100% das actuacións dirixidas ao embelecemento de accesos aos recursos turísticos, instalación ou mellora da iluminación ornamental; creación ou acondicionamento de miradoiros paisaxísticos, sendeiros ou rutas ou a adecuación dos espazos para o estacionamento de vehículos; eliminación de barreiras arquitectónicas ou sinalización con elementos integrados de forma respectuosa coa contorna, entre outras accións. Os beneficiarios serán sempre concellos de ata 10.000 habitantes beneficiario cunha contía máxima por axuda concedida de 30.000 euros.
Esta liña de axudas encádrase no paquete de axudas de case 16 millóns de euros aprobado a comezos do mes de setembro para darlle continuidade ás medidas de apoio e reactivación do sector turístico por importe de 31,2M€ das diferentes convocatorias destinadas a apoiar ao sector. En total o Goberno galego destinará este ano 120M€ ao impulso da hostalería e a industria turística galega, entre os 31,2M€ das distintas convocatorias de axudas e os case 90M€ abonados aos hostaleiros a través dos dous primeiros Plans de Rescate.

Imaxes relacionadas