As obras de mellora da piscina de Vilardevós comezarán este outono

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de adxudicar o contrato desta actuación, por case 100.000 € e catro meses de execución, coa que se substituirá o circuíto hidráulico, se impermeabilizará o vaso e se illará a zona de baño infantil

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda iniciará as obras de mellora da piscina de Vilardevós este mesmo outono. O contrato de obra foi adxudicado recentemente por un importe de 94.830 euros e un prazo de execución de 4 meses.

Deste xeito, os veciños de Vilardevós contarán a comezos do vindeiro ano cunha instalación deportiva pública mellorada e máis accesible; pois, tras 25 anos de uso, presenta certas deficiencias, tanto no vaso como nas zonas pavimentadas que a rodean.

As obras consistirán na substitución do circuíto hidráulico, para evitar fugas, na reparación da plaqueta e impermeabilización do vaso, así como no illamento da zona de baño infantil, por motivos de seguridade. Tamén se mellorarán os espazos verdes, coa adecuación do terreo e instalacións de céspede, rego automático e mobiliario urbano.

Imaxes relacionadas