O IES A Pinguela estrea un aula, vestiarios e outras instalacións tras as obras de ampliación e reforma

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que a Xunta investiu preto de 230.000 euros para modernizar e adaptar o centro ás novas necesidades

Monforte de Lemos (Lugo), 29 de setembro de 2021

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade rematou as obras de ampliación e reforma que se desenvolveron no Instituto de Educación Secundaria (IES) A Pinguela, en Monforte de Lemos, ás que destinou preto de 230.000 euros de investimento.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe as novas instalacións que, afirmou, “modernizan e dan resposta ás necesidades do centro”. Neste sentido, lembrou que no pasado curso incorporáronse dous novos ciclos de FP dual á oferta educativa: o superior de Estilismo e dirección de peiteado e o medio de Calzado e complementos de moda.

As obras consistiron na construción dunha nova aula no edificio de talleres, dous vestiarios anexos ao pavillón, un baño accesible, un pequeno despacho e unha sala de instalacións. Ademais, executouse unha soleira de formigón de acceso entre a entrada traseira do recinto e o edificio do comedor.

Ampliar o inmoble que acolle os talleres supuxo executar un forxado a dobre altura, a apertura de fiestras nunha das fachadas para iluminar e ventilar, e a redistribución dos tabiques da planta superior para incorporar o acceso á nova aula, entre outros traballos.

Incluíronse outras reformas neste espazo, mudando a carpintería e a fiestra da outra fachada e cubrindo o patio anexo cunha cuberta lixeira e estrutura a base de perfís metálicos.

O resultado, apuntou Arias, “é un centro educativo máis confortable e útil, cun mellor aproveitamento das instalacións e en condicións de seguir medrando”.

Imaxes relacionadas