Galicia testa os medios de loita contra a contaminación cun simulacro na praia de Gandarío

O exercicio consistiu no despregue dunha barreira seladora e outra oceánica para a protección deste areal da ría de Ares e Betanzos ante unha suposta mancha de hidrocarburo

Nel participaron medios do Servizo de Gardacostas, do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño e da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático ao abeiro do Plan territorial de continxencias por contaminación mariña accidental de Galicia (Plan Camgal)

Este tipo de probas teñen como obxectivo verificar a eficacia dos efectivos e o funcionamento dos equipamentos técnicos e humanos de resposta a posibles casos de contaminación mariña no litoral galego

Bergondo (A Coruña), 28 de setembro de 2021

Efectivos do Servizo de Gardacostas de Galicia e do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), dependentes da Consellería do Mar, e técnicos da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, realizaron esta mañá na praia de Gandarío, na ría de Ares e Betanzos, un simulacro de despregue dunha barreira seladora e outra flotante para a protección da praia ante unha suposta mancha de hidrocarburo. O obxectivo deste tipo de exercicios é poñer a proba os medios e os procedementos deseñados para a loita contra a contaminación mariña na comunidade autónoma.
O suposto consistiu na recepción dun aviso por unha presunta mancha de hidrocarburo na praia de Gandarío, o que levou a activar en nivel de emerxencia mínimo o Plan territorial de continxencias por contaminación mariña accidental de Galicia (Plan Camgal). A partir dese momento o persoal do Servizo de Gardacostas a bordo dunha embarcación auxiliar do buque Sebastián de Ocampo procedeu ao lanzamento de dúas boias derivantes que simulan a posición da mancha e posteriormente ao despregue das barreiras.
Unha das barreiras é seladora e outra oceánica e durante o exercicio únense para desviar a traxectoria da suposta mancha e para protexer o areal. Deste xeito o exercicio permitiu verificar a capacidade de despregue e os tempos de resposta das distintas unidades que interveñen, así como avaliar a eficacia dos medios técnicos empregados.
Nesta proba tamén participaron técnicos das unidades de Documentación e apoio científico e de Modelización oceanográfica do Intecmar que, ante a mancha ficticia, puxeron en práctica o modelo de predición de derivas.
A xestión deste suposto foi dirixida polo subdirector xeral do Servizo de Gardacostas de Galicia, Lino Sexto, e nel, tamén participaron a patrulleira lixeira Punta Seixo Branco e a embarcación Illa de Vionta.
Así mesmo, a xestión do operativo e do equipo de intervención en terra correu a cargo da subdirectora xeral de Coordinación Ambiental, Mar Ferreiro, que exerceu este labor en nome da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, organismo que ostenta, segundo o Plan Camgal, a función de órgano permanente encargado de dirixir as distintas operacións de loita contra a contaminación na ribeira do mar e das rías e de coordinar as accións dos diferentes grupos de resposta terrestres.

De feito, correspóndenlle a este departamento os procedementos de activación de operacións de limpeza, almacenado, transporte e xestión dos residuos derivados de eventuais episodios de contaminación, traballando sempre de forma conxunta co coordinador das operacións en mar.

No caso do simulacro de Gandarío, Mar Ferreiro estivo acompañada pola xefa do servizo de Calidade Ambiental da Coruña e tres inspectoras, que se encargaron de coordinar as operacións desenvolvidas en terra, como parte do equipo de intervención.

Este tipo de exercicios permiten manter os efectivos preparados para posibles intervencións derivadas da activación do Plan Camgal e comprobar a súa eficacia así como o funcionamento dos equipamentos técnicos e humanos de resposta a posibles casos de contaminación mariña no litoral galego. A finalidade é reforzar, avaliar a coordinación e adestrar aos participantes implicados na loita contra a contaminación mariña ao tempo que se analizan as ferramentas e coñecementos adquiridos neste eido para estar o mellor preparados posible de cara a actuar en caso de que se produza un episodio real destas características.

Imaxes relacionadas