A Xunta inicia as obras de mellora do firme na estrada autonómica AC-230 ao seu paso polo Concello de Aranga

A actuación conta cun investimento autonómico de preto de 50.000 euros

Mellorarase a capa de rodaxe nas zonas deterioradas, entre os puntos quilométricos 3 e o 4+700, para reforzar a seguridade viaria

Prevese que os traballos de aglomerado se leven a cabo entre hoxe e mañá, se as condicións meteorolóxicas son favorables

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na conservación da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2021

A Consellería de Infraestruturas iniciou hoxe as obras de mellora do firme na estrada autonómica AC-230, ao seu paso polo concello coruñés de Aranga.

Esta intervención supón un investimento da Xunta de preto de 50.000 euros.

Os traballos prevén a rehabilitación do firme no treito da vía autonómica comprendido entre os puntos quilométricos 3 e 4+700.

Concretamente, procederase á reparación do firme mediante a mellora da capa de rodaxe en 5 centímetros de espesor nas zonas nas que se atope deteriorado, co fin de resolver as deformacións que presenta a rodaxe, reforzando así a seguridade viaria.

Prevese que os traballos de aglomerado se realicen entre hoxe e mañá, se as condicións meteorolóxicas o permiten. Restará, despois, a reposición de sinalización horizontal, que se levará a cabo uns días despois.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na conservación e mantemento da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.

Imaxes relacionadas