Ethel Vázquez convida á participación social para enriquecer o Plan de seguridade viaria de Galicia 2021-2025, pioneiro en España ao incorporar a visión cero vítimas nas estradas

Vázquez Mourelle salienta que o plan, que nace co obxectivo ‘ambicioso’ de acadar cero vítimas de tráfico nas estradas galegas, recollerá estratexias de países referentes na materia e afondará na colaboración con outras administracións

Sinala que o plan incidirá en accións para colectivos específicos como os peóns, os ciclistas, os maiores, os nenos, os peregrinos ou os transportistas, entre outros

Adianta que se intensificará a iniciativa “estradas que perdoan”, con intervencións dirixidas á redución das consecuencias da sinistralidade por saída de vía

Subliña o esforzo técnico e financeiro da Xunta no reforzo da seguridade viaria co Plan de reforzos de firme, o Plan de sendas ou a estratexia para eliminar os tramos de concentración de accidentes
 

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2021.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, convida á participación social para enriquecer o Plan de seguridade viaria de Galicia 2021-2025, pioneiro en España ao incorporar a “visión cero vítimas nas estradas”.

Vázquez Mourelle, xunto co director da Axencia Galega da Infraestruturas, Francisco Menéndez, participou hoxe nunha xornada con axentes sociais para abordar este plan, cuxo documento se prevé ter pechado en decembro para comezar a desenvolver as medidas nel recollidas a inicios de ano.

Salientou que este plan “ambicioso” precisa da colaboración e implicación máxima de todas as administracións e do conxunto da sociedade para acadar a redución ao mínimo posible das vítimas en accidentes de tráfico nas estradas galegas.

Neste sentido, fixo un chamamento á participación por parte dos distintos axentes implicados na elaboración do plan, dada a importancia de contar coas achegas das organizacións de vítimas de accidentes, dos usuarios das estradas, da Asociación de amigos do Camiño, pero tamén dos enxeñeiros, fabricantes de vehículos ou representantes de centros médicos ou da DXT, posto que son colectivos que traballan a diario neste eido e, polo tanto, os mellores coñecedores das medidas e actuacións máis necesarias no eido da seguridade viaria.

Vázquez Mourelle lembrou que xa se trasladou un documento de bases para a elaboración do plan aos distintos departamentos da Xunta que traballan en ámbitos da seguridade viaria para que lograr que o traballo final sexa transversal. Engadiu que na elaboración do plan tamén se terán en conta as propostas da Comisión do Parlamento galego non permanente especial de estudo sobre a seguridade viaria de Galicia.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade detallou que os datos de sinistralidade do que vai de 2021 son esperanzadores. No que vai de ano, faleceron na rede viaria galega 53 persoas, 7 persoas menos que no mesmo período de 2019. Non obstante, destacou que “aínda que é moito o conseguido, cada accidente e cada vítima na estrada é un drama e hai poñer todos os esforzos por tratar de atallalo”.

Así, o novo Plan de seguridade viaria de Galicia nace co obxectivo final de acadar cero vítimas de tráfico. Para iso recollerá estratexias seguidas polos países de referencia nesta materia, como Suecia, Holanda ou Alemaña, afondando, ademais, nunha maior colaboración con outras administracións.

Ethel Vázquez sinalou que a nova planificación incidirá en accións específicas para usuarios como os peóns, os ciclistas, os maiores, os nenos, os peregrinos, transportistas, repartidores ou empregados de conservación, entre outros.

Adiantou, ademais, que se intensificará o concepto “estradas que perdoan”, con intervencións dirixidas á redución das consecuencias da sinistralidade por saída de vía, dando continuidade a traballos que xa se levan a cabo.

Infraestruturas e concienciación

A conselleira subliñou o esforzo técnico e financeiro que vén realizando o Goberno nos últimos anos para reforzar a seguridade viaria das estradas, a través de actuacións de viabilidade invernal, de conservación ordinaria ou extraordinaria co Plan de reforzos de firme, cun orzamento anual máis de 20 M€.

Remarcou que o Plan de sendas de Galicia xa permitiu habilitar 170 km de novos itinerarios para reforzar a seguridade dos usuarios vulnerables como os peóns e os ciclistas.

Tamén está avanzada a execución da Estratexia para actuar nos puntos de concentración de accidentes das estradas autonómicas, cun investimento de preto de 16 M€.
Ethel Vázquez fixo fincapé na importancia de actuar nas infraestruturas, pero apuntou que tamén son fundamentais a sensibilización, a concienciación e a formación.

A este respecto, avanzou que mañá comeza a segunda fase da campaña de seguridade viaria baixo o lema “Mirar por min é mirar por todos. Porque na estrada somos pezas fráxiles”. Explicou que en xullo a campaña estivo centrada nos peóns e agora porá o foco nos condutores, para chamar a atención sobre as condicións climatolóxicas do cambio de estación ou a importancia de manter o vehículo en condicións idóneas.

Recordou iniciativas como o reparto de 33.000 prendas reflectantes para peóns e ciclistas nos últimos anos ou a campaña de sensibilización dirixida aos nenos de educación primaria baixo o lema O Corazón está do teu lado.

Ademais puxo en valor os cursos de condución segura para motoristas, como os que tiveron lugar esta pasada fin de semana en Ferrol e Santiago e que terán continuidade na fin de semana próxima en Pontevedra e en San Cibrao das Viñas.
 

Imaxes relacionadas