Política Social participa na entrega dos galardóns do certame identificARTE, que fomenta o talento da mocidade galega

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou hoxe no peche do 1º Certame das expresións artísticas celebrado en Ramirás

Alí salientou as iniciativas que fomentan e traballan para por en valor o talento da mocidade galega, e que sinalou que grazas a estas propostas as posibilidades multiplícanse para o futuro dos galegos e galegas
 

Ramirás (Ourense), 25 de setembro de 2021

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou hoxe no peche do primeiro certame das expresións artísticas IdentificArte da Asociación Cultural Xuvenil Rebulir. Alí puxo en valor as iniciativas nas que se fomenta e se traballa polo talento da mocidade galega, e salientou que grazas a estas propostas as posibilidades multiplícanse para o futuro dos galegos e galegas. O concurso estaba dirixido tanto a nenos en idade escolar de ata 12 anos como aos maiores de 12 anos.

Cristina Pichel participou na entrega dos galardóns ás diferentes categorías: fotografía, artes plásticas e literatura. A temática dos traballos debía estar centrada en Ramirás, e ter como obxectivo destacar a cultura, gastronomía, historia, arquitectura, natureza, ou costumes da contorna do Val do Tuño.

En cada unha das categorías houbo tres premios co seu correspondente diploma. IdentificArte está enmarcado nas axudas da Iniciativa Xove posta en marcha pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.