A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou esta tarde na entrega dos galardóns do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia

Ángeles Vázquez salienta que os dez premios COAG de arquitectura son o recoñecemento ao traballo e potencial do sector en Galicia

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 25 de setembro de 2021

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destacou a calidade e variedade das obras premiadas na XIX edición do Premios COAG de Arquitectura, que son un recoñecemento ao traballo e potencial do sector en Galicia.

A conselleira de Medio Ambiente participou esta tarde na entrega destes galardóns, que convoca e concede o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

Ángeles Vázquez indicou que as obras premiadas non só son unha contribución á arquitectura galega, senón que tamén posicionan a nosa Comunidade no mundo, e polo tanto os arquitectos galegos son un faro para todos os profesionais.

Nese sentido, salientou a traxectoria profesional e vital de César Portela, que recibiu o premio honorífico polo seu traballo, un arquitecto que acumula máis de 50 anos de experiencia combinando a innovación co respecto ao patrimonio natural e á contorna.

Por último, conselleira trasladou á profesión o apoio da Xunta de Galicia, que segue inmersa na tramitación da que será a primeira Lei de Arquitectura de Galicia, para darlle a esta disciplina o valor e a importancia que merece.
 

Imaxes relacionadas