Dúas persoas con discapacidade traballaron este verán como auxiliares dos guías en Cíes e en Ons grazas á colaboración entre o Parque Nacional e Amicos

Durante os meses de xullo, agosto e setembro realizaron labores de ordenamento e control de visitantes, ofreceron información sobre os recursos existentes nas illas e lembraron as medidas hixiénico-sanitarias que deben cumprir durante a súa estadía

Os dous traballadores completaron un módulo formativo sobre actividades de orientación e desenvolvemento no medio natural, impartido por Amicos co apoio da dirección de Illas Atlánticas para facilitar a súa inserción sociolaboral
 

Santiago de Compostela, 25 de setembro 2021

A dirección do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia reforzou este verán o seu persoal coa incorporación de dúas persoas con discapacidade que exerceron de auxiliares dos guías oficiais nos arquipélagos de Cíes e de Ons desde principios de xullo ata o pasado 15 de setembro.

Estas novas contratacións enmárcanse na liña de colaboración que manteñen desde hai varios anos o Parque e a asociación para a atención e integración de persoas con discapacidade Amicos, que foi a encargada, precisamente, de impartir no mes de xuño un curso dirixido a este colectivo en materia de orientación e desenvolvemento no medio natural para que poidan exercer como auxiliares no sector turístico.

En concreto, as 12 persoas que participaron neste módulo —financiado pola Asociación Inserta Empleo da Fundación ONCE— recibiron un total de 100 horas de formación presencial, práctica e teórica. O obxectivo do curso foi dobre: facilitarlles aos alumnos unha capacitación profesional axeitada neste eido e, á vez, ofrecerlles a atención ocupacional e rehabilitadora que necesitan para poder acceder ao mercado de traballo en mellores condicións.

De feito, o Parque Nacional das Illas Atlánticas decidiu contratar a dúas das persoas que completaron este curso para traballar durante o verán en calidade de auxiliares de guías en Cíes e en Ons, onde tiveron ocasión de realizar nos últimos meses labores de ordenamento e control de visitantes, ofrecer información sobre os recursos existentes nas illas e asesorar e lembrar aos viaxeiros as medidas hixiénico-sanitarias de obrigado cumprimento en todo o espazo natural.

Unha longa e estreita colaboración

Cómpre lembrar que a asociación Amicos vén traballando e apoiando ao Parque Nacional en labores de mantemento, limpeza e acondicionamento da contorna dos catro arquipélagos das Illas Atlánticas desde hai varios anos, unha colaboración que este verán trasladouse tamén e por primeira vez ao eido do emprego.

En todo caso e tras o éxito da experiencia, os dous postos de traballo para auxiliares de guía que se crearon este verán poderán ser recorrentes ao longo do tempo, contribuíndo así á inclusión de persoas con discapacidade nun nicho de mercado en alza como é o do turismo sostible, dándolle máis presenza e notoriedade ao colectivo nun momento no que a covid está a provocar un aumento de visitantes ás contornas naturais, das actividades ao aire libre e do ecoturismo.

Neste sentido, cómpre lembrar que as persoas con discapacidade sofren unha maior exclusión socio-laboral, de aí a importancia de promover iniciativas que, coma esta, contribúan a mellorar a súa empregabilidade pola vía da formación e da estimulación das súas habilidades básicas.

Imaxes relacionadas