Política Social aposta por ofrecer oportunidades á mocidade do rural a través de iniciativas como o certame Xóvenes Talentos da Fundación Baiuca Verdescente

Silleda (Pontevedra), 24 de setembro de 2021

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou hoxe no acto de apertura do certame Xóvenes Talentos da Fundación Baiuca Verdescente, que busca ofrecer unha oportunidade a toda sociedade que vive no rural e que se atopa nunha situación de desvantaxe pola súa situación territorial. Cristina Pichel puxo en valor a importancia de fomentar os programas nos que se dá a oportunidade á xente nova de mostrar o seu talento.

Neste concurso participarán galegos e galegas de entre 20 e 31 anos provintes da comarca do Deza, que poderán desenvolver a súa creatividade e por en marcha os seus ambiciosos proxectos. Nesta xornada inaugural os participantes aproveitaron para coñecerse e intercambiar perspectivas sobre os diferentes temas e propostas que pretenden sacar adiante.