O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, inaugurou a xornada formativa a profesionais do eido da atención temperá

A Xunta aposta pola formación para dar o apoio específico que necesitan todos os nenos de Galicia, vivan onde vivan

O obxectivo da xornada é unificar criterios de atención; lograr unha maior coordinación entre o sistema de saúde, o educativo e os servizos sociais; e formar aos profesionais para que conten con sistemas actualizados e unha comunidade de colaboración

O Goberno galego incrementou as unidades de atención ao pasar das dúas existentes no ano 2009 ata as 39 que existen na actualidade

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2021

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, destacou a aposta da Xunta pola formación para dar o apoio específico que necesitan todos os nenos de Galicia, vivan onde vivan, a través da rede autonómica de Atención Temperá. Fíxoo hoxe durante a inauguración da xornada formativa que o Goberno galego puxo en marcha no Centro Galego de Desenvolvemento Integral (Cegadi).

Fernando González Abeijón explicou que con esta xornada dáse resposta a unha petición histórica dos profesionais das unidades de atención temperá de Galicia. Deste xeito, procúrase unificar criterios de atención; lograr unha maior coordinación entre o sistema de saúde, o sistema educativo e os servizos sociais nesta materia; e formar aos nosos profesionais para que conten cos sistemas máis actualizados e poidan ter unha comunidade de colaboración.

En concreto, detallou que se no ano 2009 había en funcionamento tan só dúas unidades de atención temperá en Galicia, que cubrían 14 concellos e atendían a 160 nenos. Na actualidade, existen 39 unidades en funcionamento que abarcan 168 concellos e atenden a 1740 nenas e nenos. Polo tanto, “20 veces máis unidades, 10 veces máis nenos atendidos e un nivel de cobertura que supera a metade do territorio galego”, aseverou.

O director xeral de Maiores e Persoas con discapacidade puxo en valor que o Goberno galego está a achegar este servizo ao rural, cando hai uns anos estaba asentado principalmente nas cidades. Ademais, agradeceu aos profesionais o seu esforzo e traballo coas miles de familias galegas que levan aos seus pequenos a unha unidade de atención temperá.

Imaxes relacionadas