O director xeral de inclusión Social, Arturo Parrado, fixo balance desta medida pioneira do Goberno galego na Comisión 5ª do Parlamento de Galicia

A Xunta destaca que a Tarxeta Básica xa beneficiou a arredor de 56.000 persoas desde a súa posta en marcha en xullo do pasado ano

Lévanse emitidas 42.638 unidades, das que o maior número de beneficiarios atópase na provincia da Coruña con 19.726 tarxetas emitidas, seguida da de Pontevedra con 10.582, a de Ourense con 7.316 e a de Lugo con 5.014

O importe da axuda depende do número de membros da unidade familiar, á que se concede unha tarxeta prepago recargable cun importe de 450, 600 ou 900 euros trimestrais en función da súa composición

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2021

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, destacou hoxe durante a Comisión 5ª do Parlamento de Galicia a boa acollida que está a ter a Tarxeta Básica por parte dos beneficiarios e dos profesionais da inclusión social desde a súa posta en marcha, en xullo do ano pasado. Na súa intervención informou de que esta axuda, enmarcada no Plan de Recuperación Social impulsado pola Xunta de Galicia para facer fronte á pandemia, chegou a arredor de 56.000 persoas a través das 42.638 tarxetas emitidas a data de hoxe.

Neste sentido, Arturo Parrado fixo fincapé en que se trata dunha actuación pioneira que busca dar unha resposta áxil e urxente ás familias e que a súa tramitación, levada a cabo polos servizos sociais dos concellos mediante a Historia Social Única Electrónica (HSUE) é moi accesible, xa que trala súa solicitude é entregada pola Cruz Vermella nun prazo máximo de 72 horas.

O maior número de beneficiarios desta medida extraordinaria atópase na provincia da Coruña con 19.726 tarxetas básicas emitidas, seguida de Pontevedra con 10.582, Ourense con 7.316, e Lugo con 5.014.

Accesible e sen estigmas

O director xeral recordou que o importe desta axuda depende do número de membros da unidade familiar, á que se concede unha tarxeta prepago recargable por un importe de 450, 600 ou 900 euros trimestrais en función da súa composición, e que se pode renovar en caso de que persista a necesidade. Así, Parrado sinalou que hai persoas ás que, por continuar necesitándoo, xa se lle realizou unha 5ª renovación desde a posta en marcha da medida.

Esta tarxeta representa unha actuación coordinada, ao implicar na súa xestión á Xunta de Galicia, aos servizos sociais municipais e ás entidades sociais como Cruz Vermella, encargada da súa tramitación. Ademais, non estigmatiza, xa que ao ter forma de tarxeta de crédito que se recarga mes a mes, os seus usuarios non teñen que facer colas nin acudir a un establecemento específico para obter os produtos.

Imaxes relacionadas