O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, acompañado por persoal da Fundación Juana de Vega, presentou a ferramenta aos socios de Agromuralla

A Xunta explica a gandeiros de Lugo que a aplicación Conta Láctea lles axudará a mellorar a súa posición negociadora sobre os prezos do leite

Esta aplicación informática, creada polo Goberno galego xunto coa Fundación Juana de Vega ao abeiro da Estratexia de dinamización do sector lácteo, está concibida tamén para facilitar a xestión empresarial das explotacións leiteiras

A Xunta avoga porque esta ferramenta sexa recoñecida como unha fonte de datos de consulta pública consonte á normativa vixente para permitir a súa utilización como referente na negociación dos prezos do leite

Lugo, 22 de setembro de 2021

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, acompañado por Elena López, técnico da Fundación Juana de Vega, informou hoxe aos socios da Asociación de gandeiros Agromuralla de Lugo sobre a nova Conta Láctea. Na xuntanza explicouse o funcionamento e as utilidades desta aplicación informática, creada pola Xunta en colaboración con esta fundación, para calcular os custos de produción das explotacións leiteiras.
Tal como xa explicara no Parlamento hai uns días, o director xeral lembrou que a Xunta avoga porque esta ferramenta sexa recoñecida como unha fonte de datos de consulta pública consonte á normativa vixente para permitir a súa utilización como referente na negociación dos prezos do leite.
Nesa liña, apuntou que o Goberno galego promoverá incluír na Lei da cadea alimentaria que está a tramitar ao Goberno central unha disposición específica que contemple que se hai unha aplicación informática que contabilice os custos de produción avalada por unha Consellería como a do Medio Rural -caso de Conta Láctea- esta deba servir como ferramenta mínima para negociar os prezos do leite.

Xestión económica

Neste mesmo sentido, José Balseiros destacou que a principal finalidade da aplicación é mellorar a xestión económica das explotacións e tamén a capacidade negociadora dos gandeiros diante dos primeiros compradores de leite. Para acadar estes obxectivo, a aplicación -creada ao abeiro da Estratexia de dinamización do sector lácteo- permite, entre outras cousas, controlar os investimentos e os custos de produción e concretar canto custa producir un litro de leite e a que prezo se pode vender.
Outras vantaxes que ofrece son, por exemplo, o feito de ser de balde, ter un acceso sinxelo vía web, un manexo moi intuitivo e a posibilidade que aporta de emitir unha conta de resultados completa e un informe cos resultados obtidos. Este informe está pensado, precisamente, para empregarse por parte dos gandeiros como elemento de negociación do seu contrato coa industria, de tal xeito que o prezo percibido polo leite, de acordo coa lexislación, non poida ser inferior ao seu custo de produción.
A presentación de hoxe aos socios de Agromuralla forma parte do calendario previsto pola Consellería do Medio Rural para explicar o contido e alcance de Conta Láctea aos gandeiros galegos. Así, en vindeiras datas está previsto continuar esta rolda de contactos noutros puntos de Galicia, especialmente naquelas comarcas de maior vocación leiteira. O acceso a Conta Láctea pódese facer a través da páxina web de Medio Rural, no seguinte enlace: https://www.contalactea.gal/pladel/.

Imaxes relacionadas