A Xunta reforzará co novo colexio do Milladoiro un investimento de máis de 9,2 M€ en obras en centros educativos de Ames na última década

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, reuniuse co alcalde amiense, Blas García, para abordar a recente licitación do proxecto para a construción do novo centro

Informouno da inmediata publicación da licitación da redacción do proxecto de ampliación do CEIP Agro do Muíño

Así mesmo, asinaron o convenio para financiar o servizo de comedor escolar en sete centros, do que se benefician 1.550 nenos

O Goberno galego leva transferido uns 1,16M€ na última década ao concello amiense para garantir o funcionamento deste servizo
 

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, reuniuse hoxe co alcalde de Ames, Blas García, para informalo da recente licitación do proxecto básico e de execución para a construción do novo colexio no Milladoiro. Un centro que reforzará o compromiso da Xunta de Galicia cun dos concellos de máis crecemento demográfico da nosa Comunidade, no que o Goberno galego ten investido máis de 9,2M€ en obras educativas na última década, investimento que inclúe a construción do instituto IES do Milladoiro.

Tal e como lle comunicou o conselleiro ao alcalde, o novo colexio suporá un investimento de 4,5M€ por parte do Goberno galego e será o primeiro dos centros construído integramente baixo os parámetros do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta para deseñar un novo modelo de colexios e institutos postpandemia.

O centro terá capacidade para 450 alumnos e contará con seis aulas de Infantil e 12 de Primaria, cos aseos correspondentes, así como outras catro para desdobres, aula de música, sala de usos múltiples, biblioteca e ximnasio (con vestiarios adaptados). Tamén estará dotado con área de administración (con despachos, conserxería, local para a ANPA, etc) comedor e zonas de servizos comúns.

De acordo co establecido no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, o centro estará dotado dun espazo central ou foro, multifuncional complementario do resto, para a formación dunha paisaxe de aprendizaxe aberto. Ademais, atendendo á Estratexia de Educación Dixital 2030, o centro contará con local para a formación TIC dos docentes e aulas multifuncionais para seren empregadas como espazos maker para traballar as competencias STEM a través de proxectos de robótica ou intelixencia artificial, equipados cos materiais necesarios (domótica, material de creación e procesado audiovisual, impresión 3D, mecanizado, electromecánica...).

No que atinxe aos espazos exteriores, estará dotado de zona cuberta e descuberta exterior para as aulas de infantil e de pista polideportiva cuberta e descuberta. Así mesmo, para unha mellor integración na contorna, o centro terá zonas verdes e un horto.

Ampliación do CEIP Agro do Muíño

O conselleiro informou tamén ao alcalde da inmediata publicación da licitación da redacción do proxecto de ampliación do CEIP Agro do Muíño en seis novas aulas. O investimento previsto para esta actuación ascende a 1,3M€.

A previsión, tanto para a construción do novo colexio como para a ampliación do Agro do Muíño, é licitar e executar as obras en 2022 para que os novos espazos poidan iniciar a súa actividade no curso escolar 2023/24.

Máis de 1M€ para comedores

No transcurso da reunión, o conselleiro e o alcalde asinaron o convenio de colaboración para a prestación do servizo de comedor escolar en sete colexios públicos de Ames. A Xunta de Galicia achega 275.900€ para financiar este servizo nos cursos 2021-22 e 2022-23, do que se benefician un total de 1.550 nenos diariamente.

Este servizo conta co apoio do Goberno galego desde o curso 2012-13, período no cal leva inxectado arredor de 1,16M€ para cofinanciar a prestación deste servizo que é fundamental para a conciliación da vida laboral e familiar.

Como xa leva facendo desde o curso 2012-13, ao abeiro deste acordo, a Consellería subvencionará os menús dos comensais durante todo o presente curso escolar 2021-2022 e 2022-2023, así como todos aqueles gastos de distinta natureza que se deriven da prestación do servizo de xantar, como os gastos de mantemento, persoal, limpeza e outras medidas de prevención e hixiene derivadas dos protocolos sanitarios establecidos polo contexto de pandemia. Pola súa banda, o Concello comprométense á contratación da elaboración e servizo dos menús escolares, así como ao coidado e asistencia do alumnado durante as comidas.

O convenio abrangue os colexios CEIP A Maía, CEIP Agro do Muíño, CEIP Barouta e CEP Ventín e as escolas de Educación Infantil EEI Milladoiro, EEI Igrexa e EEI Covas (estas dúas últimas de nova incorporación este ano).

Colaboración con concellos, anpas e entidades

Este acordo enmárcanse dentro da colaboración que a Xunta de Galicia mantén cun total de 16 concellos, a través dos cales financia os menús de 4.754 usuarios de 53 centros públicos. Así mesmo, destina axudas a anpas para a xestión de 138 comedores que suman outras 11.814 prazas.

Non obstante, a meirande parte dos comedores escolares en Galicia están xestionados por parte da propia Consellería, cun total de 417 que atenden 61.644 usuarios.

Cómpre lembrar que no caso dos comedores escolares de xestión da Xunta, o 80,35% dos usuarios teñen o servizo totalmente de balde ou pagando tan só un euro, mentres que a contía máxima de 4,5 euros/día abóana un 14,42% dos usuarios. Esas cifras confirman que o servizo de comedor escolar en Galicia, baseado na renda familiar, é un dos sistemas máis xustos e asequibles para as familias de todo o Estado español.
 

Imaxes relacionadas