A Xunta acomete traballos de conservación na pasarela de madeira da senda peonil e ciclista da estrada autonómica PO-308 na Lanzada, en Sanxenxo
A intervención ten como obxectivo protexer a estrutura no treito comprendido entre os quilómetros 25+200 e 27+970, moi transitado polos veciños e visitantes
Os traballos céntranse na corrección de dous apoios da pasarela e no reforzo da varanda para incrementar a durabilidade da estrutura
O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando no mantemento das estradas autonómicas co obxectivo de reforzar a seguridade viaria
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezou os traballos de conservación da pasarela de madeira da senda peonil e ciclista da estrada autonómica PO-308 na Lanzada, no concello de Sanxenxo.
Esta actuación, no treito comprendido entre o punto quilométrico 25+200 e 27+970, desenvólvese tras as inspeccións rutineiras de seguimento que realiza o departamento de Infraestruturas da Xunta, que aconsellan actuar para unha mellor conservación da estrutura neste treito, moi transitado polos veciños e visitantes. Os traballos teñen un prazo de execución estimado de 2 meses.
Na inspección constatouse o bo estado da madeira, pero concluíuse que procedía realizar dúas intervencións para reforzar o mantemento da pasarela.
Dunha banda, os traballos consisten na corrección de dous apoios da plataforma da pasarela, nos que o terreo veu minorada a capacidade portante pola acción da auga de escorrenta da estrada. Para iso repararase a pasarela e realizarase unha mellora da drenaxe neses puntos de apoio para evitar afeccións no futuro.
Doutra, banda, a intervención inclúe o reforzo da varanda mediante a disposición de montantes de madeira, co obxectivo de incrementar a súa durabilidade a longo prazo.
O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando no mantemento das estradas autonómicas co obxectivo de reforzar a seguridade viaria.