José González e Inés Santé presidiron a entrega dun millar de títulos a case 700 propietarios beneficiados pola parcelaria da zona de San Vicente e Santa María de Vigo

A Xunta finaliza a concentración parcelaria que comparten os concellos de Carral e Cambre na que investiu preto de 1,5 millóns de euros

Mediante este proceso de reorganización do territorio, que abarca unha superficie de case 600 hectáreas, duplicouse a superficie media das parcelas resultantes

Entre o ano 2020 e o que vai de 2021, a Xunta entregou máis de 17.100 títulos de 15 concentracións parcelarias que beneficiaron a uns 7.100 propietarios

Neste ano 2021 decretáronse cinco novos procesos nos municipios de Outeiro de Rei, Ordes, Friol e Castro de Rei

Carral (A Coruña), 22 de setembro de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, presidiu esta mañá a entrega dun millar de títulos de propiedade da concentración parcelaria de San Vicente e Santa María de Vigo, nos concellos coruñeses de Carral e Cambre, dando así por rematado este proceso que supuxo un investimento por parte da Xunta de case 1,5 millóns de euros.
Esta parcelaria comprende unha superficie de case 600 hectáreas e beneficia a 697 propietarios, que viron como a superficie media das súas parcelas se duplicaba. Así, salientou o conselleiro, pasouse de 2.209 parcelas iniciais a 1.087 fincas resultantes, o que conlevou tamén un aumento da base territorial das explotacións da zona e, por tanto, unha diminución nos seus custos de produción.
Neste senso, o titular de Medio Rural destacou a importancia destes procesos, que se converten nunha ferramenta fundamental para paliar o minifundismo presente na comunidade galega, dende o punto de vista da estrutura da propiedade. Así, o conselleiro insistiu en que se segue traballando arreo para finalizar os 96 procesos que a día de hoxe permanecen abertos, cun orzamento para tal fin que supera os 12 millóns de euros só neste ano 2021. Ademais, o titular de Medio Rural destacou que dos 96 procesos vivos, en 57 deles os veciños xa poden facer uso das novas parcelas.
A entrega de hoxe súmase ás xa realizadas este ano nos concellos coruñeses de Touro, Coristanco, O Pino, Melide e Ferrol, nos lugueses de Riotorto, Castro de Rei, O Valadouro e Abadín, e no ourensá de Baltar. Ademais, entre o ano 2020 e o que levamos de 2021, a Xunta entregou máis de 17.100 títulos de 15 concentracións parcelarias -sumando a de hoxe- que beneficiaron uns 7.100 veciños propietarios.

Novos procesos decretados

O titular de Medio Rural lembrou que a Xunta segue decretando novos procesos de reestruturación, fiel ao seu compromiso de declarar novas parcelarias por cada unha que se vaia rematando. Así, José González destacou que este ano se decretaron xa cinco novos procesos, dous deles no concello de Outeiro de Rei e outros tres nos municipios de Ordes, Friol e Castro de Rei.
Estas novas concentracións parcelarias -iniciadas ao abeiro da Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga)- teñen unha concepción moderna da mellora das estruturas, orientadas a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións. Ademais, a través da nova Lei de recuperación da terra agraria de Galicia seguiranse impulsando estes procesos á vez que se aposta tamén por instrumentos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras.

Información xeorreferenciada

Ademais, cabe sinalar que se pon a disposición de todos os interesados a descarga da representación gráfica xeorreferenciada das novas fincas resultantes da concentración parcelaria na páxina web da propia Consellería (https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/concentracions-parcelarias-procesos).
Estes ficheiros descargables, no formato europeo INSPIRE de parcela catastral (GML), poderán ser utilizados para posteriores operacións que necesiten dunha inscrición rexistral. Isto permite dar unha maior seguridade aos datos de ubicación, delimitación e superficie dos predios que sexan obxecto do tráfico xurídico posterior á concentración parcelaria.
Deste xeito, dáse cumprimento ao establecido na Lei Hipotecaria e no texto refundido da Lei do Catastro Inmobiliario, trala súa reforma pola Lei 13/2015, do 24 de xuño, como sistema de coordinación entre o Catastro Inmobiliario e o Rexistro da Propiedade, facilitando a incorporación da descrición gráfica xeorreferenciada.

Imaxes relacionadas