A Xunta garante a calidade educativa e o cumprimento das ratios de profesorado no CPI O Toural con 20 docentes para este curso

A Xefatura Territorial de Educación mantén un encontro “moi cordial” co alcalde, César Poza, no que concordan coas cifras de mestres ante o descenso de matrícula en 4º curso de Secundaria

A consellería revela que a renovación de todas as fiestras e a carpintaría exterior do colexio está en fase de contratación por preto de 200.000€

Tamén se proxecta a redacción dun estudo de alternativas para o patio do CEIP Riomaior ante as dificultades técnicas para dotar dunha cuberta ao patio
 

Pontevedra, 21 de setembro de 2021

A Xunta de Galicia vén de garantir a calidade educativa e o cumprimento das ratios de profesorado, que se sitúan entre as máis baixas de todas as comunidades autónomas de España, no CPI O Toural, no Concello de Vilaboa, que contará con vinte docentes para o presente curso académico 2021/2022.

A Xefatura Territorial de Educación e representantes da inspección educativa mantiveron esta mañá un encontro co alcalde de Vilaboa, César Poza, e outros representantes municipais, cualificado de “moi cordial” por ambas partes, no que se abordou a situación lectiva deste colexio e as melloras proxectadas pola consellería nos centros educativos deste municipio pontevedrés.

Nesta reunión, ambas partes concordaron en que as cifras de mestres son axeitadas para dar unha boa cobertura e un elevado nivel de ensino ante o descenso de matrícula en 4º curso de Educación Secundaria, que minguou de 42 a 30 alumnos en apenas dous anos, sendo necesaria unicamente a habilitación dunha unidade. Deste xeito, o centro precisa de 19 docentes para atender axeitadamente ao alumnado cos estándares de calidade establecidos pola Xunta, pero en realidade conta con vinte a xornada completa e outra mestra máis de matemáticas compartida con outro colexio para facer fronte ás necesidades de atención á diversidade.

Polo demais, no encontro tamén se informou aos representantes de Vilaboa de que a Consellería de Educación ten en fase de contratación a renovación completa de toda a carpintaría exterior do CPI O Toural cun investimento de case 200.000 euros. Esta actuación desenvolverase durante este curso e farase por fases, prioritariamente en quenda de tarde, para non interromper a actividade lectiva.

Tamén se acordou a posta en marcha dun estudo de alternativas para conseguir unha solución para dotar dun espazo cuberto de lecer ao CEIP Riomaior, xa que a instalación dunha envolvente no patio actual non é posible dende o punto de vista técnico. Así, a unidade técnica de Educación en Pontevedra analizará as distintas opcións e cursará unha visita ao centro para concretalas sobre o terreo.
 

Imaxes relacionadas