A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse hoxe por videoconferencia cos seus homólogos das outras tres comunidades lobeiras

Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León volven unir forzas para tratar de deixar sen efecto a orde do lobo

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2021

Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León, as catro comunidades que aglutinan o 95% dos lobos de todo o país, seguirán traballando xuntas para tentar deixar sen efecto a orde do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico publicada hoxe no BOE para incluír todas as poboacións de lobo na Listaxe de especies silvestres de protección especial (Lesrpe).

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse este mediodía por videoconferencia cos seus homólogos de Asturias (Alejandro Calvo, conselleiro de Desenvolvemento Rural, Agrogandeiría e Pesca), Cantabria (Juan Guillermo Blanco, conselleiro de Desenvolvemento Rural, Gandaría, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente) e Castela e León (Juan Carlos Suárez-Quiñones, conselleiro de Fomento e Medio Ambiente) co fin de facer unha primeira análise da orde do lobo e sentar as bases da estratexia conxunta a seguir.

Deste xeito, as catro comunidades lobeiras manterán a fronte común coa que no último ano tentaron que o Goberno de Estado dera marcha atrás na súa intención de incrementar o nivel de protección do lobo ao norte do río Douro.

Como primeiro paso tras a publicación da orde do Ministerio, os conselleiros con competencias na materia de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León convocaron para esta mesma tarde ás organizacións profesionais agrarias nacionais para falar do impacto que terá a medida para o sector e valorar posibles liñas conxuntas de actuación.

Co mesmo fin, Ángeles Vázquez xa contactou este mediodía cos representantes das principais entidades agrarias presentes en Galicia co fin de analizar en clave autonómica as posibles consecuencias da entrada en vigor da orde do lobo.

Imaxes relacionadas