O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade visita o colexio CEIP Virxe do Carme de Sober, onde se realizarán obras de mellora por 260.000€

Román Rodríguez destaca o compromiso da Xunta co ensino no rural para garantir a igualdade de oportunidades

A amplitude de servizos e programas e a proximidade da oferta fai que o alumnado goce das mesmas oportunidades ca nas cidades

O colexio de Sober duplicou a súa matrícula nunha década

A práctica totalidade dos alumnos de 3 a 11 anos galegos teñen un centro educativo no seu concello de residencia

O Goberno galego continúa investindo nas infraestruturas do rural e, de feito, este ano inaugurouse unha nova Escola de Educación Infantil en Coirós

Sober (Lugo), 21 de setembro de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, destacou hoxe o compromiso da Xunta de Galicia co rural galego, dotándoo de centros en igualdade de condicións e calidade educativa ca nas cidades. “Unha oferta de proximidade que fai que en centros como o colexio CEIP Virxe do Carme de Sober se duplicara a matrícula na última década”, destacou.

O titular do departamento educativo da Xunta fixo estas declaracións nunha visita a este centro de Sober, onde a Xunta de Galicia vai realizar obras de mellora da eficiencia enerxética e accesibilidade, cun orzamento de máis de 260.000€.

Román Rodríguez destacou que a oferta educativa en Galicia é tan ampla que a práctica totalidade dos alumnos de 3 a 11 anos teñan no seu concello un centro educativo. “Ademais –explicou– contamos coa rede de transporte escolar máis grande do Estado, concentrando o 21,6% do gasto de toda España, que dá soporte á escolarización dos máis pequenos independentemente do seu lugar de residencia”.

O conselleiro lembrou, así mesmo, que o seu departamento segue dando cobertura ás necesidades de escolarización dos concellos que medran no rural. “De feito, este mesmo mes inauguramos unha nova Escola de Educación Infantil en Coirós”, salientou.

Biblioteca escolar de referencia

Ademais, programas como a estratexia do Goberno galego para as bibliotecas escolares inclúen accións específicas para o rural, como o programa Bibliotecas LÍA.2, do que forma parte o CEIP Virxe do Carme xunto con outros 24 centros, case todos do rural galego.

Todos eles reciben fondos específicos da Xunta coa finalidade de realizar unha intervención específica nos seus espazos (ampliación, mobiliario, equipamento, fondos da colección...), ademais de recibir orientación e asesoramento, para configurar na súa biblioteca o modelo de futuro destes espazos.

“Trátase –explicou o conselleiro– de bibliotecas dotadas de recursos tecnolóxicos e audiovisuais, moitas delas con emisora de radio no marco do programa Radio na biblio, como Radiuvín no CEIP Virxe do Carme, e con diferentes espazos que favorecen o traballo multidisciplinar”. O equipo da biblioteca do colexio de Sober é, ademais, moi activo na rede, a través de O blogue de Lectuvín e é un centro de referencia en materia de bibliotecas escolares na zona, colaborando mesmo con centros de diferentes localidades no desenvolvemento de programas.

Así mesmo, este ano creouse na Consellería de Educación unha nova liña de actuación dirixida a incentivar e apoiar ás bibliotecas escolares nos centros do rural non integrados no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares.

Mellora da eficiencia enerxética

Respecto das obras licitadas neste centro, o conselleiro explicou que o seu principal obxectivo é a mellora da eficiencia enerxética e do confort térmico do colexio. Os traballos consistirá na instalación de novas carpinterías de aluminio con rotura de ponte térmica, con vidro dobre baixo emisivo e con novas persianas. Ademais mudaranse os tubos fluorescentes existentes por luminarias LED, mais eficientes, e cambiaranse os radiadores de chapa por uns novos de aluminio.

A actuación inclúe, a maiores, a instalación de tarima flotante no salón de actos e a colocación dunha rampla de acceso para mellorar a accesibilidade ao centro. As obras contarán cun prazo de execución de tres meses.

Imaxes relacionadas