A plataforma Telea integrará de forma automática a información de todos os dispositivos clínicos do paciente na súa historía clínica

Así mesmo, o Sergas desenvolveu unha aplicación específica para o autoseguimento e xestión da diabetes, que entrará en funcionamento o último trimestre do ano

Tamén a finais deste ano, o Sergas ampliará a funcionalidade da súa carpeta de saúde, complementándoa cun sistema de carpeta persoal do cidadán, que posibilitará unha mellor comunicación entre paciente e profesional á hora de realizar consultas telemáticas

Máis do 15% das primeiras consultas (375.000 consultas ao ano) derivadas de primaria e especializada, resólvense xa de xeito non presencial (e-consulta)

O Sergas vén de realizar un estudo no que se aprecia que incluír o control domiciliario proactivo con telemedicina dentro da organización asistencial no control da covid, reduce a presión hospitalaria e a mortalidade

O Sergas realizou unha enquisa a máis de 1.600 pacientes covid acerca da súa experiencia co teleseguimento, dando o 48,7% deles a máxima puntuación á pregunta de si a teleasistencia permitiu aos sanitarios controlar adecuadamente o proceso
 

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2021.- O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, participou hoxe, en Madrid, nunha mesa redonda sobre “Telemedicina: A tecnoloxía achegando a sanidade ás persoas”, organizada pola Universidade de Navarra, e que contou coa participación, ademais do conselleiro galego, de Jesús Aguirre, conselleiro de Saúde de Andalucía; Miguel Javier Rodríguez, conselleiro de Sanidade de Cantabria; e José María Vergeles, conselleiro de Sanidade de Extremadura.

Neste foro, o máximo responsable da sanidade pública galega destacou que a plataforma galega Telea integrará, de forma automática, a información de todos os dispositivos clínicos do paciente na súa historía clínica. Tal e como subliñou García Comesaña, a información será enviada automaticamente dende os propios dispositivos sen a necesidade de ter que realizar un rexistro manual da mesma. O Sergas acaba de adxudicar o concurso que integrará os seguintes dispositivos clínicos: solucións cardioimplantables, de bombas de infusión de insulina, de hormonas de crecemento e hemodiálise domiciliaria, de tal xeito que o persoal sanitario poderá dispoñer de informes periódicos.
Tamén a finais deste ano, o Sergas ampliará, -dixo o conselleiro-, a funcionalidade da súa carpeta de saúde, complementándoa cun sistema de carpeta persoal do cidadán, que posibilitará unha mellor comunicación entre paciente e profesional á hora de realizar consultas telemáticas, especialmente no ámbito de primaria. O cidadán poderá subir á súa carpeta persoal información tan relevante como imaxes de lesións, informes médicos externos ao Sergas, alerxias detectadas ou, incluso, o exercicio físico rexistrado nos dispositivos móbiles.

Xunto ao anteriormente sinalado, García Comesaña tamén remarcou que o Sergas desenvolveu unha aplicación específica para o autoseguimento e xestión da diabetes, que permitirá controlar a inxesta, o exercicio físico e os niveis de glicosa e levar o rexistro da insulina administrada. Esta aplicación estará integrada no sistema Telea e empezará a probarse no último trimestre do ano.

Aposta decidida do Sergas pola Telemedicina

García Comesaña remarcou a aposta decidida e continua do Sergas por consolidar a telemedicina como unha prestación máis dentro da atención sanitaria. Galicia implantou a teleconsulta e o teleseguimento domiciliario en máis de 15 patoloxías crónicas que, en número de pacientes, son máis de 6.000, e levou a cabo o teleseguimento de máis de 2.500 pacientes de residencias sociosanitarias. Máis do 15% das primeiras consultas (375.000 consultas ao ano) derivadas de primaria e especializada, resólvense xa de xeito non presencial (e-consulta). Ademais, a teleasistencia está tendo cada vez máis peso entre os profesionais do ámbito das urxencias, como exemplo o Programa Teleictus.

A principal aposta do Sergas en telemedicina é, -dixo o conselleiro-, a plataforma Telea, única no ámbito sanitario e sociosanitario. Con Telea, o Sergas integrou a teleasistencia na propia ferramenta da historia clínica electrónica dos profesionais e creou un único entorno para uso de pacientes e coidadores. Telea é accesible, non so dende o fogar do paciente, senón dende as oficinas de farmacia ou as residencias.

Dispón dun modelo de telemonitorización flexible cunha tipoloxía de paciente amplia (procesos crónicos, agudos, hospitalización na casa) e permite o rexistro directo da información por parte do paciente, do seu coidador ou a través dos dispositivos médicos que teña o paciente no seu domicilio.

Pacientes covid

A inmensa maioría dos galegos que sufriron covid, -remarcou o conselleiro-, foron atendidos e se lles fixo un seguimento a distancia. Nos picos máximos de pandemia, con máis de 22.000 casos activos, preto de 21.000 estaban superando a enfermidade dende o seu domicilio, baixo o coidado e a supervisión dos profesionais de primaria. En resumo, telemonitorizouse a máis de 100.000 enfermos con covid e aos seus máis de 200.000 contactos estreitos.

Aproveitando o elevado número de pacientes con covid atendidos a través de Telea, o departamento sanitario galego vén de realizar un estudo científico no que se aprecia que incluír o control domiciliario proactivo con telemedicina e telemonitorización dentro da organización asistencial no control da pandemia da covid, acompáñase da redución da presión hospitalaria e de menor mortalidade.

Valoración dos pacientes

O conselleiro de Sanidade remarcou, así mesmo, que a posición de privilexio de Galicia no uso da telemedicina foi posible grazas á implicación de pacientes, profesionais e empresas. A través de enquisas, o Sergas coñece a percepción dos pacientes. Así, logo de realizar unha enquisa a máis de 1.600 pacientes por covid acerca da súa experiencia co teleseguimento, o 48,7% deu a máxima puntuación á pregunta de si a teleasistencia permitiu aos sanitarios controlar adecuadamente o proceso. Ademais, preto do 40% tamén deu a máxima puntuación á pregunta de si a teleasistencia permitiulles ter menos preocupacións sobre o seu estado de saúde. Ademais, preto do 50% contestou igualmente coa máxima puntuación á pregunta de si recomendarían a teleasistencia, e tamén deron preto do 62% a máxima nota á pregunta de se confían na confidencialidade da información da súa saúde empregada en teleasistencia.

Para rematar a súa intervención, o conselleiro destacou que si hai un colectivo que podería dar unha lección da telemedicina é o de enfermería de primaria, quen foi, principalmente, o que asumiu as funcións de seguimento do paciente. É precisamente o perfil sobre o que o departamento sanitario galego quere que pilote todo o sistema galego de telemedicina, dotándoo dunha maior autonomía e de capacidade de decisión.
 

Imaxes relacionadas