A Xunta aprobará inicialmente no último trimestre do ano a ampliación do polígono empresarial de Toedo, na Estrada

A conselleira de Medio Ambiente lembra que esta actuación, pola que se habilitarán máis de 160.000 m2, está incluída na segunda modificación do Plan sectorial de áreas empresariais de Galicia, en fase de avaliación ambiental na actualidade

Tamén recolle o reaxuste do ámbito da Cidade do Moble, para evitar as posibles afeccións da futura circunvalación da Estrada

A Estrada (Pontevedra), 21 de setembro de 2021

A Xunta de Galicia aprobará inicialmente no último trimestre do ano a ampliación do polígono industrial de Toedo, na Estrada, co que esta área medrará en máis de 160.000 m2.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, fixo este avance nunha reunión coa Asociación de empresarios do polígono industrial, na que tamén participou o alcalde da Estrada, José López Campos, e o director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García porto; onde recordou que esta actuación está incluída na segunda modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresarias de Galicia, que na actualidade está en fase de avaliación ambiental e que a Xunta prevé aprobar inicialmente antes de que remate o ano e de xeito definitivo no 2022.

Recordou que –ademais desta actuación- tamén se incorpora o reaxuste do ámbito da Cidade do Moble, que abarcará unha superficie de 160.399 m2, debido á afección que se prevé pola construción da futura circunvalación da Estrada.

A conselleira sinalou que o Plan sectorial de áreas empresariais de Galicia é unha folla de ruta aprobada polo Goberno galego no ano 2014 e que se actualiza e revisa porque é “un documento estratéxico, que debe adaptarse ás necesidades reais que demandan os empresarios, para facilitar apoio e colaboración na tarefa de xerar emprego e riqueza na zona na que se asentan”.

Nese sentido, o alcalde agradeceu o apoio do departamento que dirixe Ángeles Vázquez por introducir no PSOAEG a nova área empresarial do concello, a ampliación do polígono de Toedo, co que “se ofrece unha solución á falta de solo empresarial na Estrada, dado que o planificado no plan xeral non sería factible por razóns económicas e estruturais”.

Deste xeito, lembrou que –a nivel autonómico- a modificación en tramitación prevé a creación de seis novos parques e a variación da superficie actual doutros 12. Así, os empresarios e emprendedores disporán de 121 parques que ofrecerán 47 millóns de m2.

Explicou que a Xunta, “non só se limita a brindar o seu apoio apostando por unha planificación ordenada do solo”, senón que tamén é a única administración pública que ofrece bonificacións de ata un 50% sobre o prezo en todo o solo empresarial da súa propiedade. Engadiu que estes incentivos se veñen aplicando desde o ano 2015 e permitiron a adxudicación de 2,3 millóns de m2, con bonificacións próximas aos 70 millóns de euros.

Imaxes relacionadas