As axudas da Xunta para promover o emprego de maquinaria agrícola en réxime asociativo están dotadas con 3 M€, un 20% máis que o ano pasado

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a correspondente convocatoria destas achegas, destinadas a cooperativas ou sociedades agrarias de transformación

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo. En total, a Xunta destina este ano tres millóns de euros (un 20% máis que na anterior convocatoria) a estas achegas, que están financiadas co Instrumento de Recuperación da Unión Europea (EURI) no marco do PDR de Galicia 2014-2020.
Poderán ser beneficiarias destas axudas as cooperativas agrarias, as cooperativas de utilización de maquinaria agrícola (CUMA), as cooperativas de explotación comunitaria da terra ou as sociedades agrarias de transformación.
O obxectivo destas subvencións é promover o uso de maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo, impulsar a introdución de novas tecnoloxías no seu emprego e racionalizar os custos de mecanización. Outras finalidades pasan por incrementar os mecanismos de seguridade no traballo, reducir as emisións contaminantes e promover o aforro enerxético, na procura dunha mellora da calidade de vida no rural galego.
As axudas apoian, en concreto, os custos de adquisición de maquinaria agrícola e os estudos técnicos-económicos de viabilidade daquelas entidades asociativas do sector agrario que queiran dar servizo aos seus socios a través deste sistema que permite compartir a maquinaria.
O importe das subvencións será do 35% dos custos, unha porcentaxe que poderá incrementarse ata un máximo do 50% en función de criterios que priman a localización da entidade en zonas con limitacións naturais e o feito de que o beneficiario proceda dunha fusión de cooperativas. Os interesados nestas achegas contan cun mes de prazo para solicitalas a contar dende mañá, día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Imaxes relacionadas