O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade visita o colexio CEIP Ramón de Artaza y Malvárez e o instituto IES Plurilingüe Fontexería, ambos en Muros

Román Rodríguez aspira a que Galicia siga sendo unha das CCAA con máis investimento por alumno, grazas a unha inxección extra de case 140M€ este curso

Salienta o incremento do 40% no Fondo de Reserva de Garantía Educativa, ata os 10M€ e nos 43,8M€ para avanzar nas competencias dixitais ou modernización da FP

Destaca un investimento de 86,5M€ se se teñen en conta o conxunto de obras de mellora en centros escolares executadas, recibidas ou licitadas neste ano, dos que máis de 8,3M€ son en colexios e institutos do Barbanza

Muros (A Coruña), 20 de setembro de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, reiterou hoxe o compromiso da Xunta de Galicia con que a nosa Comunidade siga sendo unha das que conta con maior investimento por alumno no ensino público. Neste sentido, lembrou que o Goberno galego ten comprometido para este curso unha inxección extra de case 140M€ para este curso 2021/22 co fin de facer fronte ás necesidades derivadas do contexto de pandemia e blindar a seguridade sanitaria así como a calidade do sistema educativo.

“Este reforzo económico inclúe – explicou o conselleiro– os 10M€ do Fondo de Reserva de Garantía Educativa, que se incrementa nun 40% respecto ao pasado curso”. Ademais, 43,8 millóns corresponden a fondos europeos dirixidos a avanzar nas competencias dixitais ou modernización da Formación Profesional, entre outros conceptos.

Cómpre lembrar que Galicia é á cuarta comunidade autónoma con máis gasto público por alumno en centros públicos, con 7.134€ (fronte á media estatal de 5.968€), segundo recollen as estatísticas do Ministerio de Educación e Formación Profesional.

Máis de 8,3M€ no Barbanza

O conselleiro fixo estas declaracións no marco dunha visita ao colexio CEIP Ramón de Artaza y Malvárez e ao instituto IES Plurilingüe Fontexería, incluídos no programa de obras de mellora en centros educativos da Xunta este ano. “Un investimento de 86,5M€ se se teñen en conta o conxunto de obras de mellora en centros escolares executadas, recibidas ou licitadas neste ano”, destacou, especificando que só en centros do Barbanza o investimento en obras realizadas e comprometidas ascende a máis de 8,3M€ para un total de 40 actuacións.

No caso concreto do CEIP Ramón de Artaza y Malvárez, executouse unha rehabilitación integral do centro por importe de máis de 800.000€. Por unha parte mellorouse a eficiencia enerxética do centro, a través do illamento térmico polo exterior. Ademais cambiouse a cuberta e colocáronse novas fiestras de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo. Tamén se instalaron novas luminarias con tecnoloxía LED, equipos de regulación e detectores de presenza en zonas comúns e aseos.

Por outra parte, reparáronse e pintáronse os paramentos interiores, puliuse e abrillantouse o pavimento de terrazo e a renováronse os falsos teitos. A maiores, reformouse a antiga casa do conserxe para ampliación do comedor. Neste momento, tal e como explicou o conselleiro, faltan algúns remates (en concreto no referido ao illamento exterior e á cuberta), cuxa execución non interfire na actividade lectiva.

A intervención do IES Plurilingüe Fontexería vén de ser licitada e conta cun orzamento de máis de 1,4M€. O programa de necesidades contempla a mellora da eficiencia enerxética do centro, a través da substitución da cuberta existente por panel de dobre chapa de aceiro con illante intermedio no edificio principal, edificio de talleres e edificio de salón de actos e a instalación de sistema de illamento térmico polo exterior (SATE) no edificio principal. Así mesmo cambiarase a carpintería exterior por unha nova de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo, no edificio principal, edificio de talleres e edificio de salón de actos e colocarase luminarias de alta eficiencia enerxética. Ademais, mellorarase a instalación de calefacción do edificio principal.

Por outra banda, limparanse e pintaranse os paramentos verticais e teitos de todas as estancias do edificio principal, edificio de talleres e salón de actos, cambiaranse os falsos teitos en parte do instituto, reorganizaranse espazos no semisoto e acometeranse outros traballos complementarios.

Estas obras enmárcanse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para deseñar un novo modelo de centros postpandemia, que conta un orzamento de 191M€.

Imaxes relacionadas