O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) inaugurou de xeito oficial o curso 2021-2022 nos CFEA acudindo á apertura no de Becerreá

A Xunta anima á mocidade galega a aproveitar as oportunidades laborais e de emprendemento que ofrecen eidos como o forestal ou o agroalimentario

José Luis Cabarcos fixo especial fincapé nas posibilidades que presentan os produtos galegos de proximidade e de calidade, cada vez máis demandados no mercado e distinguidos con selos como o de artesanía alimentaria no que se segue a traballar

Tamén aludiu ás figuras de posta en valor que recolle a Lei de recuperación da terra agraria, como as aldeas modelo ou os polígonos agroforestais, que apostan por crear actividade económica para fixar poboación no rural e anticiparse aos lumes

Becerreá (Lugo), 20 de setembro de 2021

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, acudiu hoxe á apertura do curso 2021-2022 no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Becerreá, onde puxo de relevo que a Xunta ofertou 271 prazas novas nos ciclos medios e superiores existentes nestes centros. Na súa intervención, o director da Agacal quixo animar á mocidade galega a apostar por este tipo de formación, facendo especial fincapé nas posibilidades laborais e de emprendemento que ofrecen eidos como o forestal ou o da produción agroalimentaria de calidade.
Nesa liña, José Luis Cabarcos tivo palabras de recoñecemento para o labor que hai detrás de cada un dos 36 produtos galegos distinguidos con selos de calidade, engadindo que se continúa a afondar nesta vía diferenciadora con marcas novas como a de artesanía alimentaria, na que se segue a traballar. Apuntou que estas producións destacadas polas súas extraordinarias cualidades son cada vez máis demandadas no mercado, por consumidores cada vez máis esixentes e concienciados con cuestións como o coidado do medio ambiente ou o benestar animal.
Así mesmo, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria referiuse ás oportunidades de creación de actividade económica que presenta a Lei de recuperación da terra agraria, con instrumentos como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais ou as agrupacións e actuacións de xestión conxunta. Uns instrumentos -dixo- que contribúen a dinamizar o territorio fixando poboación no rural, ao tempo que permiten avanzar na anticipación aos incendios forestais ao exercer de devasas naturais fronte ao lume.

Plan de formación

A Consellería do Medio Rural conta con seis centros de formación agraria xestionados pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), onde este curso se consolidan os seus distintos ciclos medios e superiores con 271 prazas novas. No caso do CFEA de Becerreá, onde estivo hoxe o director da Agacal, este ano ofertáronse unha vintena de prazas no grao medio en aproveitamento e de conservación do medio natural e outras 22 no grao superior en xestión forestal e do medio natural. Botando a vista atrás, cabe destacar que -dende o curso 2016/17- un total de 1.886 alumnos recibiron formación regrada nalgún dos CFEA da Consellería do Medio Rural.
Canto á formación continua, cómpre sinalar que -desde o ano 2016- un total de 22.494 persoas recibiron esta formación organizada pola Agacal, máis de 2.700 delas o ano pasado. Así, este ano prevense máis de 600 accións cun orzamento superior ao millón de euros, orientadas principalmente á mellora da competitividade dos produtores primarios a través de sistemas de calidade, do valor engadido ou da promoción en mercados locais, así como á mellora dos resultados económicos das explotacións.

Imaxes relacionadas