A porcentaxe de participación nas probas da OPE que se celebran hoxe achégase ao 84%

Presentáronse 702 opositores dos 838 convocados para cubrir 185 prazas de facultativo especialista en obstetricia e xinecoloxía e en psicoloxía clínica, así como para médico de urxencias e técnico superior de radioterapia

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2021.- Un total de 702 aspirantes acudiron esta mañá ao Recinto da Feira Internacional de Galicia en Silleda (Pontevedra) para realizar os exames do concurso oposición correspondentes ás categorías de facultativos especialistas en obstetricia e xinecoloxía e en psicoloxía clínica, así como para médico de urxencias e técnico superior de radioterapia O número de persoas admitidas foi de 838, o que supón unha participación do 83,77%.

Na categorías de facultativo especialista de área de obstetricia e xinecoloxía, presentáronse 135 aspirantes de 147 admitidos (91,84%), na de psicoloxía clínica 117 de 147 (79,59%), para médico de urxencias hospitalarias 323 de 378 (85,45%) e para técnico superior de radioterapia 127 de 166 (76,51%).

Como en anteriores procesos selectivos, para dar cumprimento ás esixencias de obxectividade e imparcialidade na selección das persoas aspirantes, reforzáronse as medidas de seguridade coa posta a disposición dos tribunais de selección dunha plataforma securizada para a elaboración de cada un dos exercicios da fase de oposición, garantindo deste xeito o seguimento de todo o proceso, así como a selección aleatoria e automatizada das preguntas do exame.
 

Imaxes relacionadas