A Xunta recoñece o labor de Opromar a prol da sustentabilidade e da competitividade da pesca

O Executivo galego destinou achegas por valor de 6,2 millóns ás organizacións de produtores pesqueiros de carácter autonómico entre o 2016 e o 2020

Marín (Pontevedra), 17 de setembro de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, enxalzou hoxe o traballo da Organización de produtores de pesca fresca do porto e ría de Marín (Opromar) a favor da sustentabilidade e da competitividade da actividade pesqueira. Nesta liña, destacou a súa contribución ao funcionamento da Política Pesqueira Común e ao cumprimento das regras do xogo en materia de produción e comercialización de produtos do mar.

Así o sinalou en Marín durante os actos de conmemoración do 35 aniversario desta entidade, onde a titular de Mar tamén salientou o seu papel de defensa dos intereses da frota que forma parte dela e que son máis de 40 buques de pesca das modalidades de arrastre, cerco e palangre de superficie e de fondo.

Este labor das entidades asociativas como Opromar é clave, de aí o apoio da Xunta a este sector a través das axudas destinadas ás organizacións de produtores pesqueiros de carácter autonómico, especificou Rosa Quintana. Esta aposta, engadiu, tradúcese en achegas por valor de 6,2 millóns de euros no período 2016-2020.

Dese apoio Opromar tamén foi beneficiaria e 1,1 millóns de euros desde 2016 a 2019, antes de converterse en OPP transnacional, expuxo a conselleira do Mar. Ademais subliñou que a primeira orde de axudas deste tipo é de 2016 e que Galicia foi a primeira comunidade autónoma de España en publicala.

No caso de Opromar, engadiu a titular de Mar, ese apoio reflíctese en proxectos como a iniciativa ML-Style para manter os océanos limpos mediante a recollida de lixo nos fondos mariños ou as iniciativas Farfish, Sicaptor e Sicaptor 2.0 para a mellora na xestión das pesqueiras. A conselleira tamén citou o proxecto Life iSEAS sobre redución, xestión e valorización de descartes de pesca.

En canto á frota que forma parte de Opromar, Rosa Quintana enxalzou “o seu esforzo por alcanzar os máximos estándares de sostibilidade no desenvolvemento da súa actividade e o compromiso dos seus membros por achegar á cidadanía os produtos en orixe da mellor calidade”, especialmente no último ano marcado pola pandemia da covid-19, subliñou.
Tamén puxo en valor a capacidade de Opromar para “adaptar a súa produción ás esixencias do mercado e o mercado ás esixencias dunha produción responsable, buscando sempre a promoción do consumo dos produtos do mar”. Este cometido, engadiu, está presente en iniciativas como o selo de Pescada Negra de Pesca Responsable, SúperPeixiño ou De Costa a Costa. Por último, Rosa Quintana, agradeceu o traballo a todas as persoas que fixeron posible a traxectoria de Opromar.

Opromar

Opromar é unha das organizacións de produtores máis representativas en España, pasando de ser unha entidade de ámbito local a ser recoñecida como transnacional en 2020 coa incorporación dun socio portugués. Entre os seus fins atópanse os de apoiar e fomentar as accións encamiñadas a mellorar a actividade pesqueira, facendo especial fincapé na sustentabilidade e a viabilidade a longo prazo. O seu volume medio de facturación nos últimos anos foi de 50 millóns de euros obtidos das vendas de máis de 18 millóns de toneladas de diferentes especies de peixe entre as que destacan a pescada negra, o peixe espada, o xurelo, a cabala ou o lirio, dependendo da modalidade de pesca.
Unha das actividades organizadas por esta entidade para conmemorar o seu 35 aniversario e que se encadra no seu plan de produción e comercialización é a exposición que hoxe viu a conselleira do Mar. Esta mostra pon en valor a actividade pesqueira e os produtos que as súas tripulacións traen ao mercado para promocionar o seu consumo, resaltando o esforzo da frota por alcanzar a máxima calidade dos seus produtos en orixe. Con ese obxectivo inclúe os fitos de importancia para as súas empresas asociadas e información sobre a súa frota, caladoiros e artes de pesca. Tamén contén referencias sobre as iniciativas de innovación, campañas de promoción e accións de posta en valor do oficio realizadas por esta entidade.
 

Imaxes relacionadas