Os traballos de pavimentación nos últimos espazos do nó dos Concheiros, en Santiago, suporán afeccións ao tráfico a partir do luns

Será necesario o corte de acceso de entrada á rúa do Home Santo desde o nó dos Concheiros, mudando o sentido de circulación nesta rúa, á que se accederá desde a rotonda de Bombeiros

A saída da rúa do Home Santo quedará habilitada pola rúa Angustia cara á rúa Betanzos ou rúa do Rosario

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2021

Os últimos traballos de pavimentación na zona do cruzamento dos Concheiros, en Santiago de Compostela, suporán afeccións ao tráfico a partir deste luns, día 20.
Será necesario o corte do acceso de entrada á rúa do Home Santo desde o nó dos Concheiros. Isto implica mudar o sentido de circulación nesta rúa, á que se accederá desde a rotonda de Bombeiros, habilitándose a saída pola rúa Angustia cara á rúa Betanzos ou rúa do Rosario.
Esta afección é necesaria para actuar na zona pola que foi desviado o tráfico de baixada, no marco das obras de mellora e integración paisaxística do Camiño Francés á súa entrada en Compostela realizadas no nó dos Concheiros e na avenida de Lugo.
Adicionalmente, tamén desde este vindeiro luns, cortarase ao tráfico a entrada á rúa Altiboia, desde Fonte dos Concheiros, para executar os traballos de formigonado da citada zona, cunha duración estimada de 10 días.

Actuación integral, cun investimento de máis de 3M€

A actuación integral no ámbito da avenida de Lugo e do Cruce dos Concheiros, na que a Xunta está a investir máis de 3 millóns de euros, ten o obxectivo de facer do nó dos Concheiros unha zona na que o Camiño sexa máis identificable para o peregrino, ademais de reforzar a seguridade viaria e mellorar os tráficos pensando no día a día dos veciños.

Trátase dunhas obras de remodelación complexas e de moita entidade, xa que incluíron tamén canalizacións, e é unha das principais actuacións das previstas pola Xunta no marco da estratexia de mellora e integración paisaxística dos Camiños Francés, Inglés e Portugués á súa entrada en Compostela.

No seu conxunto, o proxecto integral de posta en valor das Rutas Xacobeas á súa entrada en Santiago supón un investimento do Goberno galego de 12 millóns de euros.