O presidente da Xunta participou esta mañá na inauguración do Congreso Emprendedoras CEG Talento Empresarial Feminino

Feijóo expón o papel fundamental do emprendemento feminino para afrontar a era post-pandemia

Subliña que Galicia é a comunidade con maior presenza de mulleres no emprego autónomo e con máis mulleres empregadoras no total de mulleres ocupadas

Resalta a oportunidade que os fondos Next Generation supoñen para seguir avanzando cara á igualdade real e recorda que a candidatura galega conta con diversas iniciativas que suman un investimento de 17 millóns de euros

“As administración públicas, as organizacións empresariais e as organizacións sindicais temos que seguir traballando en conxunto para dar visibilidade ás eivas e buscar solucións ”, incide

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, expuxo hoxe o papel decisivo do emprendemento feminino para afrontar a era post-pandemia.

Nesta mesma liña, subliñou que Galicia é a comunidade con maior presenza de mulleres no emprego autónomo e con máis mulleres empregadoras no total de mulleres ocupadas. Ademais de resaltar que en 2019, por segundo ano consecutivo, rexistráronse máis iniciativas emprendedoras novas e consolidadas lideradas por mulleres que por homes.

“En Galicia hai máis mulleres traballando que nunca: 496.201 son as que están cotizando neste momento á Seguridade Social, representando o 48,3% dos afiliados”, dixo, durante a apertura do Congreso Emprendedoras CEG Talento Empresarial Feminino, organizado pola Confederación de Empresario de Galicia, garantindo o compromiso da Xunta para seguir avanzando de cara á unha igualdade real. Ao respecto, lembrou a oportunidade que os fondos europeos Next Generation supoñen para reforzar este eido, recordando que a candidatura galega conta con diversas iniciativas que suman un investimento de 17 millóns de euros.

Ao longo da súa intervención, Feijóo aproveitou o acto para poñer en valor o desenvolvemento de xornadas coma esta. “As administracións públicas, as organizacións empresariais e as organizacións sindicais temos que seguir traballando en conxunto para dar visibilidade ás eivas e buscar solucións ”, abundou.

Imaxes relacionadas