A Xunta formou unha ducia de persoas en Boqueixón sobre traballos de soldadura que se poden acometer nas reparacións de maquinaria e instalacións agrarias

A acción desenvolveuse no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude

Ademais de coñecer os equipos e métodos de soldadura e de corte destinados á reparación dos útiles agrícolas, os alumnos puideron demostrar os coñecementos adquiridos en sesións prácticas

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), vén de organizar no concello coruñés de Boqueixón unha formación sobre traballos básicos de soldadura nas reparacións de maquinaria e nas instalacións agrarias na que participaron unha ducia de persoas. Realizado no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Sergude, o curso constou de 24 horas teóricas e prácticas distribuídas en catro días.
O obxectivo da iniciativa era definir os equipos de soldadura e de corte destinados á reparación dos útiles agrícolas, establecer os parámetros para a soldadura e corte dos distintos metais e realizar unións soldadas mediante os procesos MAG e TIG.
Así, no programa tratáronse os métodos de soldadura SMAW, MAG e TIG, os equipos e materiais precisos para levar a cabo estas tarefas, as características principais dos tipos de aceiro utilizados en maquinaria agraria, as normas de seguridade e hixiene pertinentes, así como os gases de protección. Canto á parte práctica, os alumnos probaron a acometer a unión de probetas de aceiro ao carbono mediante o procedemento de electrodo revestido e cos procesos MAG e TIG. Así mesmo, realizaron reparacións de compoñentes agrarios mediante soldadura.
Cómpre sinalar que esta acción estaba dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.
A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, busca contribuír ao aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.
Cabe lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que poden consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.

Imaxes relacionadas