Ethel Vázquez trasládalle ao concello de Noia que a futura Lei de xestión do ciclo da auga permitirá achegar solucións integrais e definitivas para as necesidades do municipio en materia de saneamento

A lei facilitará os investimentos na mellora dos sistemas, coa corresponsabilidade das administracións, e asegurará a correcta prestación dos servizos ao asumir a Xunta a explotación das infraestruturas dos concellos que así o soliciten

Vázquez Mourelle lembra que a Xunta investiu nos últimos anos 4,7 M€ en actuacións hidráulicas en Noia, na rede de colectores xerais ou na mellora da depuradora

Avanza que o Plan de saneamento local, no que está a traballar a Xunta, arroxa que é imprescindible actuar na depuradora, con deficiencias de funcionamento e de capacidade, e intervir na rede con novos bombeos e colectores

Detalla que o traballo técnico continúa para analizar as distintas alternativas para a construción dunha nova depuradora e, a partir de aí, seguir co impulso dos proxectos
 

Noia (A Coruña), 15 de setembro de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, trasládalle ao Concello de Noia que a futura Lei de xestión do ciclo da auga permitirá achegar solucións integrais e definitivas para as necesidades do municipio en materia de saneamento.

Vázquez Mourelle mantivo hoxe un encontro de traballo co alcalde de Noia, Santiago Freire, para abordar actuacións hidráulicas no municipio.

Explicou que os servizos de abastecemento, de saneamento e de depuración son competencias municipais, pero a súa correcta prestación leva aparellados investimentos elevados e un coñecemento técnico complexo para os municipios.

Neste sentido, explicou que a futura lei é unha ferramenta para achegar solucións ás necesidades de saneamento deste municipio, que redundarán na mellora dos servizos e da calidade de vida dos veciños, no coidado do medio e no futuro da pesca, do marisqueo e do turismo.

Concretou que a nova norma que está a tramitar a Xunta facilitará os investimentos na mellora dos sistemas, mediante unha corresponsabilidade das administracións, e asegurará unha axeitada prestación dos servizos ao asumir Augas de Galicia a expltoación das infraestruturas dos concellos que así o soliciten.

A conselleira lembrou que a Xunta investiu nos últimos anos 4,7 millóns de euros en actuacións de apoio ao Concello de Noia en materia de infraestruturas hidráulicas, destacando a execución da rede de colectores xerais ou a mellora da depuradora.
Para seguir optimizando o sistema de saneamento e depuración, Ethel Vázquez salientou o Plan de saneamento local, unha ferramenta que parte da análise do funcionamento dos sistemas e da identificación dos problemas para proxectar as solucións.

Precisou que ese traballo xa está avanzado e arroxa que é imprescindible actuar na depuradora, que presenta deficiencias de funcionamento e de capacidade, así como na rede con novos bombeos e colectores.

Indicou que o traballo técnico continúa para analizar as distintas alternativas para a construción dunha nova depuradora e a partir de aí, seguir co impulso dos proxectos.

Outras actuacións

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúa apoiando aos concellos rurais na prestación dos servizos hidráulicos, pero tamén na mellora das súas infraestruturas viarias ou no reforzo do transporte público.

No caso de Noia, Ethel Vázquez puxo en valor as obras de acondicionamento da Ponte Nafonso, en execución, ou o proxecto de mellora de seguridade viaria do cruce da Barquiña, que recentemente se someteu a información pública.

Ademais remarcou que logo de reformar en maio a estación de autobuses, o Executivo autonómico puxo en funcionamento a tarxeta Xente Nova, coa que case 400 mozos menores de 21 anos do concello de Noia viaxan gratis nos buses da Xunta, aforrando ata 1.200 € ao ano nas viaxes a Santiago dos estudantes.
 

Imaxes relacionadas