A Xunta avoga por un emprendemento de calidade baseado na transformación dixital e na innovación e o impulso das tecnoloxías emerxentes

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou esta mañá en Vigo no Metal Industry and Technologies International Trade Fair (Mindtech)

Destaca as iniciativas que integran a plataforma StartIN Galicia, que ofrece un “espazo único” para dar a coñecer as posibilidades de apoio que ofrece o Goberno galego aos proxectos de emprendemento innovadores ou startup

Vigo, 15 de setembro de 2021

O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) da Xunta de Galicia, Fernando Guldrís, participou esta mañá en Vigo na apertura do Mindtech Brokerage Event, unha xornada centrada no emprendemento innovador incluída na feira internacional Metal Industry and Technologier International Trade Fair (Mindtech). Un marco no que destacou a aposta do Goberno galego por un “emprendemento de calidade” baseado na transformación dixital e na innovación e o impulso das tecnoloxías emerxentes.

“O emprendemento e o impulso das startups, nun entorno económico e produtivo de transformación continua, supoñen retos ineludibles, pero tamén oportunidades que debemos aproveitar”, subliñou o director do Igape, quen puxo en valor, neste contexto, as posibilidades que ofrecen os fondos europeos Next Generation.

Así mesmo, Guldrís destacou as iniciativas que integran a plataforma StartIN Galicia, que ofrece un “espazo único para que calquera proxecto de emprendemento innovador ou startup coñeza as posibilidades de apoio que ofrece a Xunta”, facendo referencia a programas de incubación e aceleración, así como mecanismos de financiamento.

A Xunta, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, ten en marcha business factories nos eidos da automoción (BFAuto), a alimentación (BFFood) e a aeronáutica (BFAero). Todos estes proxectos, apuntou o director do Igape, integran a emprendedores, empresas e sistemas de coñecemento e I+D+i coas administracións públicas e as entidades financeiras, favorecendo a transferencia de tecnoloxía do ámbito académico e tecnolóxico ao tecido empresarial.

Neste marco, referiuse a outros programas de apoio ao emprendemento como o Galicia Emprende, que na súa última convocatoria facilitou apoios de ata o 80% do custo dos proxectos emprendedores; ou os fondos que ofrece XesGalicia a través de liñas como Galicia Iniciativas Emprendedoras, Galicia Innova Tech ou Galicia Compite.

Guldrís quixo referirse tamén á nova Estratexia de Internacionalización 2021-2025 que vén de activar o Goberno galego na procura de mellorar e manter as boas cifras das exportacións da Comunidade. Unha folla de ruta, afondou, que conta cunha “batería de apoios” ao tecido empresarial, e que se sustenta en dous piares: a dixitalización e a diversificación de mercados.

Imaxes relacionadas