O conselleiro do Medio Rural mantivo un encontro coa secretaria xeral do SLG para darlle conta dos avances na tramitación do Decreto do Observatorio do Sector Lácteo

A Xunta impulsará o Observatorio do Sector Lácteo para darlle un pulo á produción e á transformación do leite en Galicia

O conselleiro lembrou medidas ao abeiro do Observatorio como a aplicación Conta Láctea, que busca facilitar a xestión empresarial das explotacións leiteiras

Engadiu que vén de finalizar o prazo dado á cidadanía para que fixese achegas ao anteproxecto do decreto que regulará este Observatorio, cuxa reactivación está contemplada na Estratexia de dinamización do sector lácteo galego

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2021

A Xunta impulsará o Observatorio do Sector Lácteo para darlle un pulo á produción e á transformación do leite en Galicia, ao abeiro da Estratexia de dinamización que se vén implementando nos últimos meses con formación especializada dirixida aos produtores ou coa presentación da aplicación Conta Láctea, pensada para facilitar a xestión empresarial das explotacións aumentando o poder negociador dos gandeiros sobre o prezo do leite.

Así o destacou o conselleiro do Medio Rural, José González, que hoxe se reuniu coa secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba, nunha xuntanza na que tamén participou o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros. Trátase da segunda das reunións mantidas no marco da rolda de contactos iniciada pola Consellería do Medio Rural coas organizacións profesionais agrarias e coas asociacións do sector, tras a celebrada co secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García.

No encontro, o titular de Medio Rural trasladou que o Observatorio do Sector Lácteo de Galicia se vai regular nun decreto específico, como instrumento que permita acadar unha mellor estrutura sectorial para analizar e avanzar nas cuestións que afectan a este eido produtivo. Nesa liña, explicou que todos os interesados puideron presentar ata a semana pasada as súas achegas ao anteproxecto dese decreto, durante o prazo marcado para a consulta pública, e que o texto continuará agora coa súa tramitación deica a súa aprobación definitiva.

Cómpre apuntar que se cumpre o contemplado na Estratexia de dinamización do sector lácteo galego, que recolle a reactivación do Observatorio e das súas reunións de traballo incorporando ás conversas á distribución e ás asociacións de consumidores. Así, perséguese que se manteñan xuntanzas periódicas lideradas pola Administración que sirvan para analizar as problemáticas e as tendencias do sector co obxecto de prever e previr crises para contribuír á súa estabilidade. Ao tempo, quérese mellorar a dispoñibilidade de datos e informes sobre o sector lácteo fornecidos pola Consellería do Medio Rural a través do Observatorio.

Así mesmo, a Estratexia inclúe a creación dunha oficina que xestione a transferencia de coñecemento dos centros de investigación e formación dependentes da Consellería do Medio Rural e que contribúa a aliñar a investigación coas necesidades do sector, aproveitando foros como o Observatorio do Sector Lácteo.

O Observatorio

Creado en 2007 como órgano colexiado de asesoramento e consulta cos representantes do sector, o Observatorio do Sector Lácteo de Galicia ten entre as súas funcións a de analizar a situación deste eido produtivo e as diferentes problemáticas que o afectan, ademais de recompilar os datos técnicos e económicos que se lle remitan relativos ás explotacións de vacún de leite. Nese senso, tamén ten atribuído o papel de elaborar un sistema de información e os índices de referencia que se consideren axeitados para o coñecemento da evolución do sector lácteo, así como publicacións e estudos sobre a materia.

Entre os cometidos do Observatorio tamén se encontra a subministración aos axentes representativos do sector de información sobre a situación estrutural e conxuntural deste eido produtivo, fundamentada, entre outros, nos prezos pagados e percibidos polos produtores, nos resultados da xestión técnica e económica das explotacións de leite e na situación de oferta e demanda dos produtos lácteos no mercado. Tamén ten asignado o asesoramento aos diversos servizos da Consellería do Medio Rural no exercicio das funcións que teñen atribuídas no ámbito da produción agraria.

Canto á súa composición, máis aló da Administración actualmente están representadas no Observatorio do Sector Lácteo as organizacións profesionais agrarias presentes no Consello Agrario Galego, a Asociación de Cooperativas Agrarias de Galicia e a Asociación de Empresas Lácteas de Galicia.

Imaxes relacionadas