A Xunta publica no DOG o cambio de titularidade a prol do concello de Sada dos treitos iniciais das vías autonómicas AC-162 e AC-163 ao seu paso polo municipio

Transfírense os treitos das estradas autonómicas que se corresponden coa avenida da Mariña, a avenida da República de Arxentina, a avenida de Sada e Contornos

Con esta transferencia o Concello asume a xestión e conservación destes tramos
 

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2021

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a transferencia a prol do Concello de Sada do treito inicial da estrada autonómica AC-162 ata o límite do termo municipal, e do treito inicial da estrada AC-163 ata Mera, no municipio de Oleiros.

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta transferencia, aprobada na reunión do Consello da Xunta do pasado día 2 de setembro: https://bit.ly/3hB3vLX

O Concello solicitou ao departamento de Infraestruturas da Xunta a transferencia da titularidade dos citados treitos iniciais destas dúas estradas autonómicas, que discorren por solo clasificado como urbano polo Plan Xeral de Ordenación Municipal de Sada, contando con marcadas características urbanas e presentando un tráfico principalmente de ámbito local.

Trátase do treito da AC-162 correspondente á avenida da Mariña e á avenida da República de Arxentina ata o límite do concello con Bergondo e, doutra banda, o treito da AC-163 ata Mera, paseo Marítimo, coincidente coa avenida da Mariña, a avenida de Sada e Contornos.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez, de acordo cos informes emitidos polos servizos da Axencia Galega de Infraestruturas na Coruña, formula a proposta favorable de transferencia do treito da AC- 162, entre os puntos quilométricos 0 e 0+980, así como do tramo da AC-163 que vai do punto quilométrico 0 ao 1+840, en ambos os dous casos, treitos sen funcionalidade dentro da rede de estradas autonómicas.

A transferencia a prol do Concello de Sada tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que establece a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da Consellería competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións implicadas.

O cambio de titularidade será efectivo desde mañá. A partir da entrega, o Concello de Sada terá a competencia para actuar nestes treitos e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.