A Xunta deseña a mellora dos 156 miradoiros catalogados da provincia de Pontevedra para aumentar o seu valor paisaxístico

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informa da publicación dunha guía monográfica sobre os 472 espazos inventariados en Galicia nunha visita a Santa Tegra acompañado polo alcalde da Guarda, Antonio Lomba

O documento, elaborado polo Instituto de Estudos do Territorio, recolle as boas prácticas para a identificación, acondicionamento e potenciación do seu valor turístico e natural, así como as accións para o deseño de novos miradoiros

“Estes puntos de visualización son un dos grandes atractivos da nosa comunidade, xa que temos un liderado neste aspecto pola orografía e a beleza da nosa terra e queremos obter o maior rendemento turístico e medioambiental”, explica o representante autonómico

A Guarda, 14 de setembro de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, vén de publicar unha guía monográfica de boas prácticas que contempla e deseña a mellora dos 156 miradoiros catalogados e inventariados da provincia de Pontevedra co obxectivo de aumentar, a medio prazo, o seu valor paisaxístico.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou desta publicación, que recolle diversas medidas de potenciación dos 472 espazos inventariados en toda a comunidade, nunha visita ao miradoiro central do Monte de Santa Tegra, un dos máis emblemáticos de Galicia, acompañado polo alcalde da Guarda, Antonio Lomba, e outros representantes municipais.

“Estes puntos de visualización son un dos grandes atractivos da nosa comunidade, xa que temos un forte liderado neste aspecto no ámbito nacional e europeo pola orografia e a beleza da nosa terra, polo que queremos obter o maior rendemento turístico e medioambiental ao tempo que protexemos, preservamos e potenciamos estes lugares tan impoñentes”, explicou o representante autonómico.

Luis López explicou que esta guía, elaborada polo Instituto de Estudos do Territorio da Xunta no que supón a súa undécima publicación monográfica sobre a Paisaxe de Galicia, recolle as boas prácticas para a identificación, acondicionamento e potenciación do seu valor turístico e natural, con medidas concretas no que se refire aos accesos, mobiliario, sinalización e coidado. Así mesmo, tamén se concretan as pautas e as accións para o deseño de novos miradoiros, xa que a nosa comunidade conta con potencial para aumentar a oferta destes espazos, cada vez máis demandados polos galegos e os visitantes.

“Temos unha enorme riqueza no que se refire aos miradoiros, que ademais son fundamentais na conformación da identidade do noso territorio, pero queremos mellorar as súas condicións e garantir a súa axeitada integración coa paisaxe, dependendo das súas características e estado, para o cal establecemos unhas liñas comúns”, detallou o delegado territorial, que concretou que as actuacións varían segundo a tipoloxía destes espazos, que se distribúen nas categorias de augas doces, costa, paisaxe agrícola, montaña, ceo nocturno, elementos patrimoniais, paisaxe urbana e paisaxe industrial.

Finalmente, Luis López destacou o peso do sur da provincia de Pontevedra na relación dos principais miradoiros de Galicia, favorecido pola presenza de numerosos montes, do cauce do río Miño e da fachada cara ao Océano Atlántico. Así, ademais de Santa Tegra, tamén destacou outros da contorna como a Explanada do Horizonte, no Concello do Rosal, ou o Miradoiro de San Nomedio, nas Neves, entre moitos outros.

Imaxes relacionadas