Mañá comezará en Ortigueira un curso para a obtención do carné básico de aplicador e manipulador de produtos fitosanitarios

A acción formativa, organizada a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), impartirase no centro de San Roque entre o luns 13 e o martes 21 de setembro

Contará cunha duración de 27 horas nas que os agricultores recibirán a formación adecuada para cumprir coa normativa vixente e facer un uso sostible dos fitosanitarios e das proteccións antes os riscos derivados do seu uso

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza un curso para a obtención do carné básico de aplicador e manipulador de produtos fitosanitarios. Celebrarase no centro de San Roque, no concello coruñés de Ortigueira, entre o luns 13 e martes 21 de setembro en horario de tarde (16:00 a 20:00 horas).

O curso, que está impartido pola Oficina Agraria Comarcal de Ortigueira, está dirixido principalmente a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.

A acción formativa -que contará cunha duración de 27 horas – ten como obxectivo formar axeitadamente aos usuarios e operadores de fitosanitarios co fin de que acaden o nivel adecuado para cumprir coa normativa vixente e facer un uso sostible destes produtos e das proteccións antes os riscos derivados do seu uso.

Así, ao longo da súa programación abordaranse conceptos como as pragas dos cultivos e os seus métodos de control, a limpeza, regulación e calibración dos equipos de limpeza ou a eliminación dos envases baleiros. Así mesmo, trataranse cuestións como a relación traballo-saúde normativa sobre prevención de riscos laborais e as medidas para reducir os riscos neste eido.

A Agacal ten como obxectivo mellorar a produtividade e a xeración de valor engadido no rural a través da organización de cursos coma este, que se enmarcan no plan de formación continua 2021. Deste xeito, búscase potenciar a remuda xeracional para consolidar un modelo produtivo sólido e sustentable do agro galego.

Cabe engadir que os interesados poden consultar todas as accións formativas e de transferencia organizadas pola Consellería do Medio Rural neste ano 2021 no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.

Imaxes relacionadas