A Xunta promove o traballo de 40 obradoiros da marca Artesanía de Galicia no centro histórico de Compostela

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou esta mañá o evento ‘Artesanía de Galicia en Compostela’, que se celebra durante toda a fin de semana no claustro de San Martiño Pinario

O evento inclúe durante todo o día demostracións de ourivería e obradoiros gratuítos abertos ao público familiar de iniciación a diferentes oficios tradicionais

O Goberno galego busca con este tipo de eventos de pequeno formato apoiar ao sector artesán na súa adaptación aos novos hábitos de consumo e a novas fórmulas de comercialización, así como achegarlle os oficios tradicionais á sociedade
 

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2021

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, achegouse hoxe ata o claustro de San Martiño Pinario onde terá lugar ata mañá domingo Artesanía de Galicia en Compostela, un evento de comercialización e divulgación dos oficios artesanais impulsado pola Xunta de Galicia. Heredia, que estivo acompañado pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, destacou a localización deste evento en pleno casco histórico compostelán e a súa celebración durante o Xacobeo 21-22, polo que animou a turistas e á sociedade en xeral a achegarse aos oficios artesanais a través desta mostra.

Durante a súa visita, sinalou tamén a importancia desta iniciativas de pequeno formato –precedida polas celebradas este verán en Muros, no Courel e na Ribeira Sacra– para contribuír a consolidar a marca Artesanía de Galicia, fomentar o relevo xeracional, e apoiar ao sector artesán na súa adaptación a novos hábitos de consumo e ás novas fórmulas de comercialización.

O evento, que se celebra hoxe e mañá de 11:00 a 14:30 e de 16:00 a 21:00 horas, reúne un total de 40 artesáns da marca Artesanía de Galicia especializados en oficios como a xoiería, a talla de madeira, os xoguetes, a forxa, a estampaxe, o coiro, o tecido artesanal, os complementos de moda, a escultura, a ourivería, o téxtil, a elaboración de figuras de pan, a palla trenzada, a bixutería ou a cerámica.

Son 30 os obradoiros que participan como expositores, incluíndo a Amorote Printing Workshop (Ames), Arte-San (Sarria), Artesanía Silvent (Caldas de Reis), Casperlota Atelier (Paderne), Cuchillos Artesanos Villar e Macala Joyas (Teo), Design Orfebres (Ourense), Druída (A Estrada), DuArte Leather (Mos), Emytelar Tejidos Artesanales
(A Coruña), Fusaiola (Vilalba), Las flores de Greta (Gondomar), Leónlagata (Sanxenxo), Lucecús (Guitiriz), Lumecú (Vilar de Santos), Mario López (Vigo), Plata Nativa (Sada), Xabier Artesanal (Pereiro de Aguiar) e Xoiart (Carral), así como os obradoiros composteláns Contraform, Degerónimo, Ilex Talla, Io Obradoiro Téxtil, Jatafarta, Latonta y Larubia, Laura Triñanes Xoiería, Milena Colella, Mundaya, Roni Herrán e Xiana Cobo.

De primeira man

Co ánimo de achegarlle os oficios tradicionais á sociedade de xeito directo, as xornadas inclúen obradoiros gratuítos –e sen necesidade de inscrición previa– abertos ao público familiar sobre iniciación a diferentes oficios artesanais impartidos por profesionais da marca Artesanía de Galicia. Os ceramistas Carlos San Claudio (Vigo) e Susana González, do obradoiro Terralume Cerámica (A Coruña), dirixirán un obradoiro de iniciación ao torno cerámico; o artesán Jorge Bellón (Cedeira) ensinará a elaboración de figuras tradicionais con miga de pan; a asociación de artesás Trenzarte. Artesanía en palla (Mazaricos) realizará un obradoiro de trenzado de palla; Leonor Díaz, do obradoiro Como pez en el agua (Vigo), impartirá un taller de pintura sobre madeira; e a artesá Marina Seoane (Oleiros) dirixirá un de creación dun tapiz colaborativo en alto lizo.

Por outra banda, e tamén durante todo o horario de apertura do evento, os ourives composteláns Ricardo Rivas e Julio Lado encargaranse de amosarlle ao público as diferentes técnicas que fixeron da ourivería un referente dos oficios artesanais e da cultura de Santiago de Compostela. Trátase de dúas figuras de recoñecido prestixio galardoadas co Premio Traxectoria Artesanía de Galicia 2020 e 2016, respectivamente, en recoñecemento á súa ampla experiencia e mestría no oficio, así como ao seu compromiso pola divulgación e a transmisión das técnicas da ourivería.
 

Imaxes relacionadas