A Xunta e o Concello de Ponteareas acadan un acordo para a reforma e a explotación da estación de autobuses

Ambas as administracións están ultimando a firma dun convenio para cofinanciar a partes iguais a reforma da estación, cun investimento de preto de 500.000€

As obras permitirán a modernización xeral do edificio, coa adecuación da planta baixa para o seu uso como estación e a superior para dependencias municipais

Está prevista a cesión ao Concello das instalacións da planta alta do edificio da estación por un período de preto de 20 anos

A xestión da estación será licitada pola Xunta antes de rematar o ano, xunto con outras da zona sur da provincia, entre elas a terminal de autobuses da intermodal de Vigo

As obras de remodelación da estación licitaranse unha vez asinado o convenio, tamén neste ano

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2021

A Xunta de Galicia e o Concello de Ponteareas acadan un acordo para a reforma e a explotación da estación de autobuses.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, e a Administración local están ultimando a firma dun convenio para cofinanciar a partes iguais as obras de reforma da estación de autobuses, que suporán un investimento de preto de 500.000 euros.

As obras obxecto deste convenio permitirán a modernización da xeral do edificio, acadando unha mellor adecuación da planta baixa para o seu uso como estación de autobuses e a planta superior para dependencias municipais.

Estas actuacións de remodelación serán licitadas unha vez asinado o convenio, antes de rematar o ano.

No marco deste acordo, prevese a cesión ao Concello das instalacións da planta alta do edificio da estación por un período de preto de 20 anos.

No que se refire á xestión do servizo de estación de autobuses, o contrato será licitado pola Xunta antes de rematar o ano, xunto con outros servizos da zona sur da provincia, entre os que destacan a terminal de autobuses da estación intermodal de Vigo.