Román Rodríguez informa ao Comité Educativo do mantemento das medidas de seguridade nas aulas

Destaca a “normalidade” neste inicio de curso e a necesidade de “manter a precaución e a prudencia” para garantir a seguridade nas aulas

A Consellería refunde nunha única resolución as distintas medidas educativas que se foron implementando ao longo do curso pasado
 

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presidiu hoxe a reunión do Comité Educativo tras a volta ás aulas do alumnado de Infantil, Primaria e Educación Especial, na cal se fixo un repaso de todas as medidas de seguridade sanitaria que seguen vixentes para este curso e se deu conta do reforzo do Fondo de Reserva de Garantía Educativa con 10M€ (unha partida que se incrementa nun 40%) para cubrir os sobrecustos de adaptación dos centros á covid e atender as posibles continxencias derivadas da saída da pandemia.

Román Rodríguez destacou a “normalidade” deste inicio de curso nun contexto “de maior certeza” grazas principalmente ás altas cotas de vacinación acadadas e tamén, desde o punto de vista educativo, á experiencia previa e ao traballo feito cos distintos protocolos, plans e directrices que seguen vixentes. Con todo, o titular de Educación subliñou que hai que seguir actuando “con precaución e prudencia” para garantir o seu normal desenvolvemento.

Transformación dixital

No que atinxe ao ámbito estritamente educativo, cómpre salientar que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de poñer en marcha o Plan Dixital de Centro, unha iniciativa enmarcada na Estratexia Educación Dixital 2030 coa que se avanza na transformación tecnolóxica das aulas para a próxima década, logo de que se detectara que os recursos e competencias dixitais foron claves no proceso de ensino-aprendizaxe durante a pandemia.

Ademais, co fin de favorecer a organización por parte dos equipos directivos dos centros escolares, a Consellería vén de aglutinar nunha única resolución na que se dá continuidade a boa parte das distintas medidas que se foron implementando o curso pasado como é que cada centro teña o seu propio Plan de Continxencia (que deberán actualizar de acordo co protocolo xeral), os Plans de Ensino Virtual, os Equipos de Atención Virtual, as actividades formativas para o ensino á distancia ou o protocolo para as saídas do centro escolar, entre outros.

 

Imaxes relacionadas