Ethel Vázquez avanza que as obras de renovación das beirarrúas en Oia e do carril bici da PO-552, nas que a Xunta inviste 1,8 M€, estarán rematadas a finais de ano

Vázquez Mourelle subliña que, no caso de Oia, a Xunta inviste preto de 1 M€ nunha intervención que reporá preto de 2 quilómetros de beirarrúas

Indica que se trata de configurar un itinerario peonil continuo e renovado para que os veciños se despracen de forma máis cómoda e segura polas beiras da estrada PO-552

Remarca que o proxecto abrangue a mellora do firme na PO-552 e en varios puntos da PO-325 en Nigrán, xunto co repintado do carril bici entre Baiona e A Guarda


 

Oia (Pontevedra), 10 de setembro de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanza que as obras de renovación das beirarrúas en Oia e do carril bici da estrada PO-552, nas que a Xunta inviste 1,8 millóns de euros, estarán rematadas a finais de ano.

Vázquez Mourelle, xunto coa alcaldesa de Oia, Cristina Correa, supervisou hoxe a marcha destes traballos na estrada PO-552 ao seu paso por este municipio, unhas obras de renovación das beirarrúas que se enmarcan nun proxecto máis amplo co que a Xunta está a actuar en máis de 30 km de vía e de 17 km de carril bici, beneficiando a 6 concellos das comarcas de Vigo e do Baixo Miño.

Ethel Vázquez indicou que, no caso de Oia, a Xunta destina a estas obras preto de 1 millón de euros, a meirande parte do orzamento global que recolle o proxecto.
Explicou que se están a repoñer as beirarrúas en varios tramos da estrada PO-552, que en verán rexistra máis de 3.500 vehículos ao día ao seu paso polo municipio de Oia, elevándose a máis de 10.000 nos concellos de Vigo ou Nigrán.

A titular de Infraestruturas remarcou que se renovarán 5 treitos de beirarrúas, actuando en dous deles en ambas as marxes da estrada, repoñendo, en total, preto de 2 quilómetros.


O obxectivo é configurar un itinerario peonil continuo e renovado para que os veciños se poidan desprazar de forma máis cómoda e segura polas beiras da PO-552, tendo en conta que os peóns son usuarios vulnerables da estrada.

Seguridade viaria

Ethel Vázquez precisou que, ademais destas actuacións en Oia, o proxecto abrangue a mellora do firme e o repintado do carril bici entre Baiona e A Guarda, na PO-552, así como o reforzo de firme en varios puntos da estrada PO-325 en Nigrán.

Detallou que se levará a cabo o fresado e a reposición do firme nos treitos destas estradas que están máis deteriorados e nalgúns treitos se aplicará tamén unha nova capa de rodaxe, ben sobre o firme renovado ou sobre o que xa había. Ademais, no carril bici aplicarase un tratamento para recuperar a cor e as características orixinais, para que o itinerario sexa perfectamente visible e recoñecible, xa que se foi decolorando e deteriorando co paso do tempo e o uso.

Ethel Vázquez explicou que as obras se iniciaron polo fresado dos símbolos pintados no firme e a mellora do carril bici nalgún treito e se está a avanzar, de xeito paralelo, na reposición das beirarrúas en Oia.

Puxo en valor a aposta da Xunta por reforzar a seguridade viaria nas estradas de titularidade autonómica e por dotar aos veciños destes 6 concellos das comarcas de Vigo e do Baixo Miño de infraestruturas máis cómodas e seguras.

Abastecemento e saneamento

Por outra parte, a responsable de Infraestruturas lembrou que o Goberno galego está a apoiar outros proxectos no concello de Oia de cara a mellorar os sistemas de abastecemento e o saneamento do municipio.

Recordou que a Xunta elixiu este concello, polas súas características poboacionais, para levar a cabo un proxecto piloto, en colaboración coa universidade da Coruña, para acadar sistemas de saneamento no rural máis eficientes, sostibles e integrados no territorio.
Indicou que este municipio tamén foi un dos 6 seleccionados para a elaboración de plans municipais de abastecemento autónomo, ao que se destina, en conxunto, 900.000 euros. Este plan ofreceralle información ao Concello sobre o nivel de garantía de abastecemento de auga potable á poboación e dotarao dun instrumento de planificación para mellorar este servizo.

Oia tamén resultou beneficiario dunha axuda da Xunta de 50.000 euros para a execución da rede de saneamento nos camiños Aguieira e Sobral. Ademais, 4 comunidades de usuarios de traídas veciñais recibiron axudas por importe global de 37.000 euros.
 

Imaxes relacionadas