A ampliación da avenida da Deputación de Sabón, en Arteixo, fará necesario un corte diúrno do tráfico esta fin de semana

O corte comezará o sábado ás 8 horas, quedando restablecido o tráfico ás 20 horas e repetindo o mesmo procedemento o domingo para evitar a afección en días laborables

O tráfico quedará restrinxido entre o enlace de entrada ao polígono de Sabón-sur e a avenida Embalse, podendo circular pola estrada AC-552 a través da avenida da Ponte

Estes cortes son necesarios para avanzar na ampliación da capacidade desta avenida, que está acometendo a Xunta cun investimento de máis de 6,3 M€

O obxectivo é solucionar os problemas de fluidez do tráfico nas horas puntas nesa contorna, favorecer os movementos e facer máis seguros os desprazamentos ao polígono

Para iso estase a realizar o desdobramento dos carrís da avenida da Deputación, que pasará a ter 4 carrís en todo o trazado, entre a glorieta elevada e a da avenida da Enerxía

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2021

As obras de ampliación que está a executar a Xunta na avenida da Deputación de Sabón, en Arteixo, farán necesario un corte diúrno do tráfico esta fin de semana .

O corte comezará o sábado ás 8 horas, quedando restablecido o tráfico ás 20 horas e repetindo o mesmo procedemento durante a xornada do domingo, tratando de evitar así a afección á circulación en días laborables.

Deste xeito, quedará restrinxido o tráfico da avenida da Deputación, entre o enlace que dá acceso de entrada ao Polígono de Sabón-sur e a avenida Embalse.

Para facilitar a mobilidade, este corte estará sinalizado con antelación, así como o itinerario alternativo pola estrada AC-552 a través da avenida da Ponte.

Estes peches de circulación son necesarios para avanzar nas obras de ampliación da capacidade e humanización da avenida da Deputación no polígono de Sabón, que está acometendo a Xunta.

Esta actuación, que desdobra os carrís para gañar fluidez no tráfico, conta cun investimento autonómico de máis de 6,3 M€ e prevese o seu remate para o próximo verán.

Con esta intervención integral perséguese solucionar os problemas de fluidez do tráfico que se xeran nas horas puntas nesa contorna, favorecer os movementos e facer máis cómodos e seguros os desprazamentos das persoas que cada día se achegan ao polígono.

O proxecto consiste no desdobramento dos carrís da avenida da Deputación, que pasará a ter 4 carrís en todo o trazado, entre a glorieta elevada de Sabón e a da avenida da Enerxía, onde se atopa a ITV.

No primeiro treito, entre a glorieta de Sabón e a avenida do Embalse, acometerase un carril adicional en sentido Coruña, con conexión directa ao ramal de acceso ao nivel inferior da rotonda, o que mellorará os tráficos e a fluidez dos vehículos pesados. Tamén se habilitarán beiravías, beirarrúas e unha zona con aparcadoiro en liña.

No segundo tramo, entre as avenidas do Embalse e da Moda, duplicaranse os carrís por cada sentido e dotarase a zona de aparcadoiro en liña e beirarrúa e beiravías. Ademais, executaranse muros de contención para salvar as afeccións coas parcelas existentes.

No terceiro treito, entre as avenidas da Moda e da Enerxía, duplicaranse os carrís con separación mediante mediana física, e habilitaranse en ambas marxes, beirarrúas con beiravías de 1 metro de ancho.