A Xunta promocionará os produtos de calidade do agro galego no marco do Festival de La Luz

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural, programou para este evento diferentes actividades lúdicas, orientadas ás familias, para difundir a riqueza e a variedade destas producións

Os participantes que resulten gañadores nestes concursos obterán un menú degustación de produtos de calidade que se lles servirá no espazo de promoción (gastroneta) instalado no recinto do festival de Boimorto durante esta fin de semana
 

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), estará presente e apoiará a celebración do Festival de la Luz, que se celebra dende hoxe e ata o domingo na localidade coruñesa de Boimorto. Así, a Agacal aproveitará este evento para facer promoción dos produtos agroalimentarios galegos de calidade diferenciada.

En concreto, por parte de Medio Rural programáronse diferentes actividades lúdicas, todas elas orientadas ás familias, co fin de dar a coñecer os selos dos produtos con indicativo de calidade correspondentes ás distintas denominacións de orixe (DO) e indicacións xeográficas protexidas (IXP) de Galicia.

Entre as accións promocionais, atópanse un bingo ilustrado con imaxes dos diferentes selos de calidade, así como uns mapas mudos nos que os participantes terán que localizar o territorio de cada DO ou IXP. Tamén se poderá intervir nun xogo de memoria para emparellar os logos dos distintos produtos. Poderán participar, previa inscrición, ata catro familias por actividade, cun máximo de catro persoas por familia, co fin de garantir distancias e a presenza dunha única unidade familiar por mesa.

Os gañadores terán dereito a un menú degustación de produtos galegos de calidade para levar que se lles servirá no espazo de promoción (gastroneta) instalado ao efecto pola Agacal no recinto, ao mesmo tempo que se lles proporcionará información sobre os produtos. Ao longo do festival tamén proxectarán vídeos de curta duración sobre a riqueza agro-gastronómica de Galicia, intercalados entre os diferentes concertos.