A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade reuniuse esta tarde co alcalde, Manuel Ínsua

Ethel Vázquez solicita que o Concello de Corcubión se sume á demanda dun reparto xusto dos fondos Next Generation para facilitar actuacións de seguridade viaria na estrada AC-445

Os condicionantes impostos polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana dificultan os investimentos nos municipios máis pequenos, como o de Corcubión, ao primar aos de máis de 50.000 habitantes

Isto dificulta o desenvolvemento de actuacións como as obras de mellora de seguridade viaria na estrada AC-445 que solicita o Concello de Corcubión

Vázquez Mourelle pídelle ao alcalde que se sume á declaración institucional que xa teñen asinado 153 concellos galegos para reclamar un reparto equilibrado dos fondos e impulsar actuacións que favorezan o desenvolvemento do municipio

A Xunta está a investir máis de 70.000 euros na estrada AC-445 ao seu paso por Corcubión no marco das obras de mellora de seguridade viaria nos Camiños de Santiago

Este municipio recibiu recentemente unha axuda de 50.000 euros para a mellora do saneamento na rúa Camiño do Carro e O Vilar

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, pediu hoxe a implicación do Concello de Corcubión para reclamar do Goberno de España un cambio nos criterios de reparto dos fondos Next Generation de mobilidade que permitan a avanzar a un maior ritmo na execución de proxectos estratéxicos para o municipio.

Durante o encontro de traballo que mantivo esta tarde co alcalde, Manuel Ínsua, Ethel Vázquez lembrou que os condicionantes que impón o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana dificultan os investimentos nos municipios máis pequenos, ao primar aos concellos de máis de 50.000 habitantes. Isto, na práctica, supón deixar á marxe deste financiamento extraordinario ao 97,8% dos municipios galegos, entre eles, o de Corcubión.

Desta forma, complícase o desenvolvemento de actuacións estratéxicas nos municipios máis pequenos. No caso concreto de Corcubión, por exemplo, non é posible destinar fondos europeos Next Generation ás obras de mellora da seguridade na AC-445, como as que solicita o Concello, o cal dificulta a súa a execución.

Por este motivo, a titular de Infraestruturas e Mobilidade pediu o alcalde que se sume á declaración institucional ‘Por un rural forte e conectado’ á que xa se teñen adherido 153 concellos galegos. O obxectivo desta declaración institucional, que a Xunta xa remitiu ao Ministerio, é reclamar un reparto equilibrado dos fondos, para que tamén os municipios máis pequenos poidan impulsar actuación que favorezan o seu desenvolvemento e melloren a calidade de vida dos seus veciños. Ethel Vázquez remarcou que un cambio de criterios no reparto de fondos permitiría avanzar con maior determinación nas actuacións propostas desde o Concello na estrada AC-445.

Explicou, en todo caso, que a Xunta segue traballando e avanza nas obras que ten en marcha nesta vía autonómica, no marco do contrato de actuacións de mellora de seguridade viaria na rede de estradas da Xunta no ámbito dos Camiños de Santiago. No caso de Corcubión as actuacións na estrada AC-445, no seu percorrido paso polo municipio, suporán un investimento de máis de 70.000 euros.

Así, avanzou que este mes de setembro está previsto o remate das obras dunha das senda en execución nesta vía autonómica, ao seu paso polo municipio, no treito coincidente co Camiño de Santiago a Fisterra, entre os puntos quilométricos 4+500 e o 4+820. Tamén informou do remate das obras do itinerario noutro treito desta mesma vía, no punto 3+830, tamén no municipio.

Por outra banda, Ethel Vázquez incidiu na axuda que a Xunta lle vén prestando aos municipios galegos no desenvolvemento das súas competencias municipais de abastecemento, saneamento e depuración.

Nesta liña lembrou que o Concello de Corcubión beneficiario da orde de axudas para abastecemento, saneamento e depuración nos concellos de menos de 5.000 habitantes lanzada por Augas de Galicia, séndolle outorgada a axuda solicitada para a mellora do saneamento na rúa Camiño do Carro e O Vilar, por importe de 50.000 euros.