A Xunta celebra esta fin de semana dúas xornadas en Boqueixón e Barbadás no marco dun proxecto de innovación coa agrupación apícola de Galicia

A primeira terá lugar no CFEA de Sergude o sábado 11 e a outra nas instalacións da Agrupación Apícola de Galicia, o domingo 12

Ambas contarán coa presenza do reputado apicultor Gilles Fert, experto na cría, selección e reprodución de abellas, produción de própole e pole, así como na loita contra a vespa velutina

O obxectivo do proxecto desenvolvido entre o CFEA de Sergude e a Agrupación Apícola é aproveitar a innovación para lograr unha apicultura sustentable, apostando pola diversificación da produción e pola mellora dos métodos e técnicas de manexo
 

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza esta fin de semana dúas xornadas no marco dun proxecto de innovación desenvolvido entre o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Sergude e a Agrupación Apícola de Galicia, ao abeiro da convocatoria de axudas da Xunta destinadas ao apoio de proxectos piloto para o desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal. En concreto, esta iniciativa de colaboración persegue aproveitar a innovación para lograr unha apicultura sustentable, apostando pola diversificación da produción e pola mellora dos métodos e técnicas de manexo.

A primeira das xornadas celebrarase este sábado 11 de setembro no CFEA de Sergude, no municipio coruñés de Boqueixón, dende as 10,00 h. ás 19,00 h., mentres o domingo 12 se desenvolverá outra nas instalacións da Agrupación Apícola de Galicia, no concello ourensán de Barbadás, nos mesmos horarios. Ambas contarán coa presenza de Gilles Fert, un dos apicultores máis recoñecidos a nivel mundial, experto na cría, selección e reprodución de abellas, produción de própole e pole, así como con experiencia constrastada na defensa das abellas fronte á vespa velutina.

Así, os interesados en asistir a algunha destas xornadas poden enviar un correo electrónico ao organizador, ao enderezo xmtome@edu.xunta.es, ou chamar ao número de teléfono 881867331.

Proxecto innovador e sostible

Cómpre apuntar que o proxecto de innovación no que está a cooperar o CFEA de Sergude coa Agrupación Apícola de Galicia persegue fomentar un sector apícola produtivo, competitivo, con alto grao de resiliencia ás ameazas e economicamente viable. Búscase reducir as operacións dos abelleiros, recortando con eles os custos operativos e os gastos directos, que en Galicia representan case o 70% dos custos produtivos.

Así, o plan de traballo inclúe liñas de actuación que converxen na redución de custos para as explotacións grazas ao emprego de novas técnicas e manexos, na diversificación mediante a produción de própole ou pole, no uso eficiente dos recursos e na mellora dos servizos de polinización nos ecosistemas agrarios. Tamén se aposta pola redución do impacto do cambio climático na agricultura galega e polo uso de novas tecnoloxías como a monitorización remota das colmeas e a selección de formulados alimenticios de cara a manter a súa supervivencia nos momentos máis críticos, sobre todo ante a presión por parte da vespa velutina.

Entre as accións financiadas figura a formación necesaria para os participantes do proxecto, co fin de lograr a consecución de obxectivos e divulgar resultados, como é o caso das xornadas organizadas esta fin de semana.

Cómpre engadir que a apicultura é unha das actividades agrogandeiras de maior tradición en Galicia, á que se incorporaron unha importante cantidade mozos e mozas nos últimos anos asegurando o futuro do sector.