A Xunta remata a execución do bombeo de augas residuais nos núcleos das Quintas e A Gradeira, no Concello de Toén

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, entregoulle hoxe estas infraestruturas hidráulicas ao Concello

A intervención, cun investimento autonómico de preto de 40.000 euros, permite dar servizo a tres vivendas que ata agora non contaban con saneamento

Instalouse un tramo de tubaxe duns 195 metros, desde o pozo de bombeo ata a fosa da Gradeira

A Xunta continúa prestando apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de forma eficiente

Toén (Ourense), 9 de setembro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, rematou a execución do bombeo de augas residuais nos núcleos das Quintas e A Gradeira, no concello de Toén. A titularidade das novas infraestruturas acaba de ser entregada hoxe ao Concello.

A intervención, cun investimento autonómico de preto de 40.000 euros, consistiu na execución dunhas instalacións capaces de elevar as augas residuais a unha cota superior para que poidan ser conducidas por gravidade ata as instalacións encargadas da súa depuración.
 

Estas infraestruturas adaptáronse ás características do concello de Toén, que dispón dunha rede de saneamento extensa que se xustifica pola dispersión xeográfica da súa poboación e polos trazos topográficos do terreo.

Con esta actuación, a Xunta dá servizo a tres vivendas que ata agora non contaban con saneamento. Ademais, o sistema de bombeo proxectado queda dimensionado para a futura conexión de máis inmobles. De igual modo, a capacidade da fosa será suficiente para futuras conexións.

Para isto, instalouse un tramo de tubaxe duns 195 metros, desde o pozo de bombeo ata a fosa da Gradeira. Deste xeito, as augas residuais canalízanse ata a citada fosa, na que recentemente se acometeron obras que permitiron mellorar o sistema de filtración que se atopaba totalmente colmatado.

Con esta intervención, a Xunta continúa prestando apoio técnico e financeiro aos concellos que, como no caso de Toén, seguen traballando nas súas competencias municipais para dotar os núcleos do municipio das infraestruturas de saneamento necesarias, logrando o aumento da calidade de vida dos seus habitantes e a mellora das condicións ambientais da súa contorna.