A Xunta activa a rehabilitación integral e enerxética do CEP Sequelo de Marín cun investimento de 883.000 €

O delegado territorial da xunta en Pontevedra, Luis López, visita o centro acompañado pola alcaldesa María Ramallo e anuncia que esta actuación xa está en fase de licitación e prevese a súa execución ao longo do vindeiro ano

O proxecto inclúe o cambio da envolvente, a renovación dos illamentos, a substitución das carpintarías exteriores, melloras nas fiestras e teitos, o pintado completo do inmoble e a dotación de luminarias Led

“Este verán acometemos máis de 500 obras nos centros educativos públicos de Galicia, pero xa estamos traballando na próxima quenda, que incluirá o CEP Sequelo, para seguir á vangarda nas condicións de colexios e institutos”, sinala

Marín, 9 de setembro de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, vén de activar a rehabilitación integral e enerxética do Centro de Educación Primaria (CEP) Sequelo de Marín cun investimento de 883.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou esta mañá o colexio coincidindo co comezo do curso escolar acompañado pola alcaldesa de Marín, María Ramallo, e o xefe territorial de Educación, César Pérez, e anunciou que esta actuación xa se atopa en fase de licitación para proceder á súa adxudicación no que resta de ano e executar a obra ao longo de 2022.

“Este verán dende a Xunta de Galicia acometemos máis de 500 obras nos centros educativos públicos da nosa comunidade, o que supón unha cifra histórica e amosa o noso compromiso co ensino, pero xa estamos a traballar na seguinte quenda de actuacións, enmarcadas no Plan da Nova Arquitectura Pedagóxica, e ao abeiro da mesma modernizarase por completo o CEP Sequelo, xa que queremos seguir estando á vangarda nas condicións de confortabilidade de colexios e institutos”, sinalou o representante autonómico.

Luis López lembrou que este centro recibiu diversos investimentos, por 100.000 euros, ao longo dos últimos anos para melloras nas carpintarías, sistemas eléctricos ou calefacción, entre outras obras, pero facíase preciso unha actuación integral. A mesma terá un prazo de execución de cinco meses e realizarase durante o vindeiro ano de xeito coordinado coa actividade lectiva para minimizar as molestias.

A rehabilitación integral do CEP Sequelo está orientada principalmente á mellora da eficiencia enerxética e da confortabilidade do inmoble, que conta con máis de 2.500 m². Así, efectuarase un cambio da envolvente para incrementar a sensación térmica, a renovación dos illamentos das fachadas, a substitución de todas as carpintarías exteriores, a dotación de falsos teitos, a motorización das fiestras, o cambio das portas deterioradas, o acondicionamento dos armarios, o pintado xeral de todo o edificio e a instalación de novas luminarias, de tecnoloxía Led, con sistemas de detección de presenza para favorecer a eficiencia e o aforro.

Imaxes relacionadas