A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, presentou na Comisión 5ª do Parlamento de Galicia as conclusións desta sondaxe

A Xunta salienta que as achegas da mocidade galega na enquisa realizada deron lugar a novos programas de ocio e formación

Na sondaxe participaron máis de medio millar de mozas e mozos de toda Galicia

Sinalan a formación como principal inquedanza e demandan máis actividades formativas telemáticas, máis adaptación da educación ao novo contexto e máis programas que promovan o emprego xuvenil

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2021

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, destacou hoxe que as achegas da mocidade galega na enquisa realizada no contexto da pandemia da covid-19, deron lugar a novos programas de ocio e formación. Fíxoo na Comisión 5ª do Parlamento de Galicia, onde puxo en valor as conclusións arroxadas polo cuestionario.

Cristina Pichel explicou que na sondaxe participaron preto de 600 mozas e mozos que puideron trasladar a súa opinión a través das cuestións formuladas, así como as súas inquedanzas e tamén as propostas de cara ao futuro. Esta enquisa tamén busca mellorar a capacidade de resposta do Goberno galego ante as novas necesidades da mocidade.

Neste sentido, a directora xeral subliñou que os resultados obtidos a través deste instrumento participativo “serviron para articular varias das actuacións e novas iniciativas que levamos a cabo desde a Consellería de Política Social nos meses seguintes, e que permanecen na actualidade”.

Deste xeito, as achegas realizadas pola mocidade desembocaron en iniciativas concretas como, por exemplo, un plan de formación online e presencial para a xuventude e o voluntariado a través do cal se convocaron 2.780 prazas nun total de 45 cursos; a posta en marcha de Primavera Xove, que se desenvolveu nos pasados meses de maio e xuño nos diferentes Espazos Xoves, campus universitarios e albergues xuvenís; ou nun pioneiro programa de formación e mentoring, levado a cabo en colaboración coas tres universidades galegas.

Perfil e conclusións

A directora xeral sinalou que o perfil das persoas que participaron na enquisa “sería o dunha muller de 22 anos que vive nalgún dos concellos máis poboados das provincias da Coruña ou Pontevedra e que, ou ben é titulada universitaria ou ben está realizando estudos na Universidade”. A través da sondaxe tamén se destaca a “fonda preocupación da mocidade pola súa formación, así como pola perda das relacións sociais”, indicou.

Algunhas das conclusións máis destacadas revelan que a maior preocupación da mocidade céntrase na formación, que foi sinalada como a súa principal inquedanza polo 22% das persoas que contestaron ao cuestionario. Entre os cambios que sentiron con maior intensidade durante a pandemia, un 14% apuntou a cambios laborais, un 12% a cambios emocionais e un 11% a unha modificación radical das súas rutinas. Con respecto ás demandas de cara ao futuro, as máis sinaladas son a formación telemática, máis adaptación da educación ao novo contexto e máis programas que promovan o emprego xuvenil.