A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, selaron telematicamente o acordo de colaboración para desenvolver estes traballos

A Xunta investirá 450.000 euros no control da calidade das augas subterráneas da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa

As Consellerías de Infraestruturas e Mobilidade e de Sanidade renovan a colaboración para o seguimento do estado químico das augas subterráneas para detectar posibles focos de contaminación dun xeito eficiente

Mediante este acordo, que terá unha vixencia de dous anos, a Xunta prevé efectuar unhas 1.600 analíticas ao longo de preto de 80 puntos establecidos nas augas subterráneas de Galicia-Costa

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez Mourelle, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asinaron telematicamente o acordo de colaboración para o control da calidade das augas subterráneas na Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.

Este acordo, que terá unha vixencia de dous anos, dá continuidade a colaboración entre Augas de Galicia e o Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, organismos dependentes dos departamentos de Infraestruturas e Mobilidade e de Sanidade, respectivamente.

O convenio asinado hoxe prevé un orzamento estimado de preto de 450.000 euros para efectuar as citadas tarefas, que abonará Augas de Galicia.

Trátase de manter a cooperación para levar a cabo unha adecuada programación e desenvolvemento da análise dos parámetros de calidade das augas nos puntos de control de augas subterráneas da Demarcación Hidrográfica Galica-Costa. Ambos os dous departamentos da Xunta levan colaborando nestes traballos desde o ano 2016, cun investimento que ascende a preto de 1,2 millóns de euros.

No marco deste acordo, a Xunta prevé efectuar unhas 1.600 analíticas ao longo de preto de 80 puntos establecidos nas augas subterráneas da Demarcación Hidrográfica Galicia- Costa.

A Xunta de Galicia, a través desta iniciativa, continúa traballando no seguimento exhaustivo do estado químico das augas subterráneas coa fin de poder detectar posibles focos de contaminación dun xeito eficiente.

O marco da colaboración

O convenio, que recolle o detalle dos compromisos de cada organismo, establece que Augas de Galicia deberá levar as mostras a analizar ao Laboratorio de Saúde Pública de Galicia e remitirlle periodicamente unha planificación das mostraxes que se vaian efectuar.

Pola súa banda, a Consellería de Sanidade, a través do Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, realizará os traballos de análise de acordo cos métodos de medida de referencia recollidos na lexislación que sexa de aplicación e proporcionará os procedementos analíticos que se deben utilizar no desenvolvemento dos traballos.

O Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, que está acreditado dende o ano 1998 pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC), segundo a norma UNE-EN ISO/IEC 17025 para a realización de ensaios de produtos agroalimentarios e augas, comprométese a entregar os resultados das analíticas nun prazo inferior a dous meses, que se contarán desde o momento en que Augas de Galicia faga a entrega das mostras.