A Xunta remata a reparación dos depósitos de auga e as obras de saneamento en varios núcleos do Concello da Veiga

Estas infraestruturas hidráulicas foron entregadas hoxe ao Concello

As obras, cun investimento de 48.000 euros, permiten dotar ao núcleo de Hedreira dun depósito de auga potable e levar o saneamento a Castromarigo e Espiño

A Xunta presta apoio técnico e financeiro aos Concellos para axudalos a desenvolver de xeito eficiente as súas competencias de saneamento e abastecemento

A Veiga (Ourense), 9 de setembro de 2021

A Xunta rematou as obras de reparación dos depósitos de auga para o abastecemento, así como os traballos para dotar de saneamento varios núcleos do concello da Veiga. A titularidade das novas infraestruturas acaba de ser entregada hoxe ao Concello.
Estas actuacións, que supuxeron un investimento autonómico de preto de 48.000 euros, responden á solicitude feita polo Concello da Veiga de dotar ao núcleo de Hedreira dun novo depósito de auga potable con caudal e presión suficiente para abastecer os seus veciños.
Os traballos consistiron no reforzo exterior para evitar movementos que produzan fisuras nos depósitos e na súa impermeabilización pola cara exterior. Deste xeito, resólvense os problemas de filtracións que se producían nestes dous núcleos.
Ademais, dotouse de saneamento os núcleos de Castromarigo e de Espiño, que se atopaban sen este servizo e leváronse a cabo as conexións á rede existente.
Os traballos incluíron o movemento de terras, a escavación das gabias que aloxarán as novas canalizacións, a reparación dos depósitos existentes e a instalación da rede de saneamento.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúa prestando o seu apoio técnico e financeiro ás entidades locais para axudalas a desenvolver de xeito eficiente as súas competencias de saneamento, depuración e abastecemento.

Imaxes relacionadas