A Xunta impartirá a semana que vén formación sobre o novo regulamento da produción de vacún de leite ecolóxico en Vimianzo e Curtis

As iniciativas están programadas polo departamento de Protección da Calidade Diferenciada da Agacal

A de Vimianzo está prevista na Casa da Cultura da localidade o martes 14 de setembro, mentres a de Curtis será no edificio de usos múltiples de Teixeiro o xoves 16

Con formación teórica e práctica, nos cursos estudarase o estado do mercado do leite ecolóxico e exploraranse as súas posibilidades de comercialización
 

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza a semana que vén na provincia da Coruña dous cursos sobre o novo regulamento da produción de vacún de leite ecolóxico. Un está previsto na Casa da Cultura de Vimianzo o martes 14 de setembro e o outro no edificio de usos múltiples de Teixeiro o xoves 16.

As xornadas están dirixidas a todos aqueles interesados en desenvolver a súa traxectoria no sector da produción ecolóxica do vacún de leite. Así, estudarase o mercado existente ao respecto e axudarase a comprender as posibilidades de comercialización, así como as novas tendencias e demandas dos consumidores. A maiores, darase a coñecer o novo regulamento sobre a produción ecolóxica e etiquetado dos produtos ecolóxicos.

Cunha duración total de sete horas, en concreto pola mañá tratarase a produción ecolóxica e a evolución do seu consumo en Galicia, a nova normativa ecolóxica relacionada co vacún de leite, a comunicación ambiental e o cálculo de pegada de carbono, así como o mercado da produción de leite ecolóxico. Xa pola tarde, realizarase unha visita práctica.

Cómpre apuntar que estas accións están dirixidas en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Cabe lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina poden atoparse os referidos cursos de Vimianzo e Curtis e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes, que deberán remitirse cubertas ao enderezo electrónico ramon.jesus.lamelo.otero@xunta.gal. Os interesados en asistir poderán solicitar calquera información adicional chamando ao teléfono 981540252.