Emigración pon en marcha un programa de información para retornados con vídeos sobre os principais trámites a realizar ao chegar a Galicia

A Secretaría Xeral da Emigración publicará cada xoves no Portal de Retorno na súa web (https://emigracion.xunta.gal/)

Temas como a tramitación do DNI, a solicitude de alta na seguridade social ou o empadroamento, poderanse consultar a través destes vídeos informativos

A primeira pílula informativa versará sobre como obter o carné de conducir

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2021

A Secretaría Xeral da Emigración pon en marcha, dende mañá, un programa de información para retornados, baixo o nome “Pílulas do Retorno”, con vídeos nos que se explica aos galegos retornados os pasos a seguir para a realización dos principais trámites que se deben poñer en marcha ao chegar a Galicia.

Deste xeito, cada xoves, subirase a páxina web de GaliciaAberta (https://emigracion.xunta.gal/) un novo vídeo no que se explicarán temas como a tramitación do DNI, renovación ou validación do carné de conducir, a solicitude de alta na Seguridade Social ou os pasos a seguir para levar a cabo o empadroamento nunha vila. Todos estes vídeos quedarán a disposición dos interesados no Portal de Retorno desta páxina. A primeira pílula informativa versará sobre como renovar ou validar o carné de conducir.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, destacou a importancia que ten a información e asesoramento aos retornados nas primeiras semanas de volta a Galicia, “porque son moitos os trámites a realizar e moitos dos nosos galegos do exterior, son descendentes, polo que descoñecen os principais pasos a dar na consecución de cousas tan sinxelas como a tarxeta sanitaria”. Neste senso recordou que, con este motivo, tamén se puxeron en marcha as cinco oficinas de asesoramento e seguimento ao emigrante retornado que existen en Galicia e nas que os galegos que volven poden atopar toda a información que necesiten. Estas oficinas están financiadas, ademais, polo Fondo Social Europeo.

Imaxes relacionadas